O deputado do PSdeG Luis Piña criticou na Comisión Mixta para a Unión Europea que os populares, en lugar de chegar a un acordo, preferiron empregar “como ariete contra o Goberno” unha iniciativa que non é máis que “pólvora mollada”
O Grupo Socialista propuxo a creación dunha comisión de traballo integrada polo Ministerio de Transportes, a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria para trasladarlle á Comisión Europea unha proposta para que se teñan en conta criterios coma o valor das mercadorías, o volume de produtos de alimentación ou a capacidade de exportación
O deputado do PSdeG Luis Piña criticou hoxe na Comisión Mixta para a Unión Europea que o Partido Popular tratase de empregar como “ariete contra o Goberno” unha proposición non de lei que presuntamente tiña como obxectivo que o porto de Vigo acade a consideración de infraestrutura nodal dentro da Rede Transeuropea de Transportes. Porén, o parlamentario socialista asegurou que a iniciativa quedou en “pólvora mollada”.
Piña lamentou que os populares rexeitasen incluír no texto a creación dunha comisión de traballo integrada polo Ministerio de Transportes, a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria. O seu obxectivo sería achegarlle á Comisión Europea unha proposta para que na seguinte declaración de portos nodais “se teñan en conta cuestións como o valor da mercadoría, o valor engadido do que se carga e descarga nos peiraos, a cantidade de produtos de alimentación e a súa capacidade de exportación”.
Ao opoñerse a esa medida, que os socialistas formularon a través dunha emenda, o que fixo o Partido Popular, segundo advertiu o parlamentario do PSdeG, foi “demostrar que non ten interese real en que o porto de Vigo sexa un porto nodal”. E iso, pese á importancia da dársena viguesa “para a economía da cidade e de toda Galicia”, polo seu papel no movemento de produtos de automoción e de peixe, tanto fresco coma conxelado, entre outros.
Luis Piña defendeu que aínda que a consideración de portos nodais se decide fundamentalmente por criterios de cantidade de carga, “deben introducirse novos parámetros” e ter en conta que Vigo se caracteriza por ser un porto a través do que se moven mercadorías “de altísimo valor” e que mantén a cadea de valor engadido “de toda a economía do sur de Galicia”.
Recordou tamén que a rede transeuropea se definiu nun regulamento do 2013, “baixo a presidencia de Mariano Rajoy”, e que, ademais, nin Feijoo nin Rueda lle trasladaron nunca ao Goberno de España a necesidade de que Vigo se convertese en porto nodal, “como tampouco o trasladou o Consello do Porto”. Tal como precisou, é a Xunta a que designa ao presidente da Autoridade Portuaria e á parte maioritaria do seu consello de administración, polo que ten “unha enorme capacidade de decisión”. Pola contra, o Goberno si “está na liña de traballar na modificación dos criterios que excluíron ao porto de Vigo como nodal e xa logrou introducir á cidade como nodo urbano”. Outro aspecto que sinalou Piña é a necesidade de mellorar as comunicacións, por exemplo executando o proxecto para prolongar a A-52 ata Vigo en túnel e adaptando a terminal ferroviaria de Guixar ás novas necesidades loxísticas.