O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, trasladou hoxe a súa “decepción” logo de que “o presidente da Xunta pareza apenado e amargado pola chegada da vacina”. Así o dixo logo de que Feijóo cuestionara que Pfizer faga o reparto das doses a través de Porto cando, dixo, “a Xunta sabía, validou e aceptou” os criterios establecidos “e non dixo nada”.
O responsable socialista replicoulle ao presidente da Xunta durante o debate dunha proposición non de Lei, rexeitada polo PP, que se negou a pedirlle á Xunta que informe aos concellos das súas decisións e explique os criterios para a xestión da pandemia. Torrado confesou “tristura” logo da reacción negativa do presidente da Xunta fronte á chegada da vacina “porque acabouse o tempo en que podía utilizar a pandemia”.
Criticou o uso político “logo de que a Xunta participe nos Consellos Interterritoriais de Saúde e valide os procedementos, e despois de que teña membros nos grupos de traballo do operativo das vacinas e valide os procedementos e os coñeza”. Lamentou que “despois observamos a un amargado presidente saír a dicir que está sorprendido de que cheguen por Oporto”, e engadiu que “semella que lle molesta que cheguen por avión e preferiría que entren en iate pola ría”.
Información
Julio Torrado lamentou o veto do PP á proposta coa que os socialistas lle pedían á Xunta que informe aos concellos galegos e explique os criterios que rexen a toma de decisións con respecto á pandemia. Puntualizou que “non estamos falando de debater os baremos, senón compartir os criterios que dirixen a toma de decisións”, que “deben ser públicos por transparencia” para que “non poida existir unha percepción de inxustiza e contribúan a alimentar o escurantismo”.
Explicou que “non se pode debater conta os criterios técnicos, pero si xerar sospeitas se non se queren compartir”, e sinalou que malia que eses técnicos sexan os que fan a análise, as decisións son “políticas” e “correspóndelles aos gobernos tomalas”. Considera “estraño que se queiran ocultar cando os propios profesionais avalían que deban ser públicos”.
Dixo que “hai moitos outros criterios” que deben ser tomados en conta, ademais do número de activos e contaxiados, como poden ser, apuntou, o número de camas dispoñibles, os contaxios, ou a dispersión dos brotes. Dixo que “moita xente non entende” que dous concellos veciños de 10.000 habitantes con 100 contaxiados teñan restricións diferentes porque descoñecen que hai factores que inflúen como a idade media, o nivel de hospitalización ou a localización dos brotes.
Torrado reclamoulle á Xunta que informe aos rexedores municipais da situación dos seus concellos, e sinalou que “hai alcaldes aos que se lles informa e outros coñecen polos medios, como o caso de A Illa de Arousa, a ver se os alcaldes só son atendidos cando din publicamente que non se lles da información”.