Rodríguez Rumbo critica a deixación de funcións do goberno galego cando é a Deputación da Coruña a que “xestiona e sostén economicamente dende hai décadas” estes dous centros educativos, sen ter ningunha competencia en materia de ensino
“Deixen de empregar fakes news como a señora Ayuso, o que non hai é vontade política”, sentenciou a socialista, logo de cuestionar se o PP de Galicia “quere ser como Vox”
O PP vén de rexeitar a iniciativa socialista para integrar os centros de ensino IES Rosalía Mera (antigo IES Calvo Sotelo) e IES Puga Ramón dentro da rede de centros de ensino público da Xunta de Galicia. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento, mediante a presentación dunha proposición non de lei que foi vetada polo PP.
“A Deputación da Coruña xestiona e costea practicamente na súa totalidade estes dous centros”, incluíndo os seus medios humanos, aseverou a deputada socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, ao lembrar que os dous cadros de persoal suman un total de 84 traballadores e traballadoras. Así, no ano 2019, a Deputación da Coruña investiu máis de 7,2 millóns de euros dos seus orzamentos na xestión e mantemento destes institutos “sen ter ningunha competencia en materia de ensino”.
Rodríguez Rumbo censurou a “grandiosa colaboración da Xunta” con estes institutos cando, por exemplo, dos máis de 3 millóns de euros investidos no IES Rosalía Mera para a súa xestión no ano 2019, o goberno galego achegou 107.000 euros, o que supón “o 3,4% do custe total do mantemento do instituto”.
A responsable socialista subliñou que a Deputación da Coruña xa solicitara no ano 2015 a integración destes dous centros dentro da rede de centros de ensino público da Xunta e mesmo aprobou unha moción para transferilos. Ademais de que é a súa competencia, sinalou, incluír estes dous centros suporía tan só “un 0,27% do orzamento” da Consellería de Educación.
“DESATENCIÓN” DO GOBERNO GALEGO NAS SÚAS COMPETENCIAS
Neste senso, a socialista criticou a “desatención” do goberno galego cando non quere asumir a xestión destes dous institutos e obriga á administración provincial a asumir funcións que non lle corresponden. Así, lembrou que o Estatuto de Autonomía de Galicia establece que é “competencia plena” da comunidade autónoma “o regulamento do ensino en toda a súa extensión, modalidades e graos”.
Todo isto, incidiu a socialista, reverte nos concellos da provincia, xa que se a Xunta impón á Deputación da Coruña que dedique partidas orzamentarias a materias de ensino que non entran nas súas competencias, a administración deixa de dedicarllos aos municipios coruñeses, cuestión “que si é a súa competencia”.
FEIJÓO “NADA TEN FEITO” POR ACHEGARSE ÁS DEPUTACIÓNS
“O presidente da Xunta comprometeuse a mellorar o contido dos acordos coas deputacións, pero é un compromiso de papel máis, xa que nada ten feito por achegarse ás deputacións”, sentenciou a socialista. “Deixen de empregar fakes news como a señora Ayuso, o que non hai é vontade política” por parte do goberno galego, asegurou, logo de cuestionarse se o PP de Galicia “quere ser como Vox”.