Luís Álvarez critica que, durante os últimos catro anos, o programa sufriu unha redución económica de 35 millóns de euros
O PP vén de rexeitar executar a totalidade do orzamento da Xunta destinado á prevención do abandono escolar. Fíxoo, hoxe, no Parlamento de Galicia, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.
O voceiro de Cultura do Grupo Socialista, Luís Álvarez, criticou que a execución orzamentaria deste programa é “lamentable”, xa que a Xunta deixou sen executar case a metade dos fondos consignados en 2020 e, logo de ver as cifras de execución orzamentaria dos últimos anos nas que se aprecia que isto “é unha tendencia, non unha anomalía”, dado que, durante os últimos catro anos, “o programa sufriu unha redución económica de 35 millóns de euros”.
“Falo de millóns de euros coma se fosen botellas de refrescos, pero detrás disto se atopa unha realidade moi preocupante”, alertou o dirixente socialista cando o 12,6% de persoas entre 18 e 24 anos teñen abandonado a educación de forma temperá en Galicia, unha porcentaxe maior que outras comunidades como Asturias, Madrid ou Euskadi, que teñen taxas de abandono máis baixas.
En canto aos datos relativos a Educación Secundaria, Álvarez destacou que temos unha taxa de abandono do 8,2%, o que Galicia se sitúa por detrás de Cantabria, Asturias, Cataluña, Navarra ou Euskadi, e supón que “a nosa posición relativa empeora”.
Neste plano, “parece razoable pedir que todos estes esforzos orzamentarios que se desenvolvan á hora da planificación, se apliquen a mellorar esta fotografía”, insistiu o voceiro socialista, quen lamentou que “o aparato propagandístico do goberno galego sempre faga referencia á cantidade de millóns de euros que se orzamentan cada ano, pero o que non se di nunca é que este programa ao final ten unha execución moi lamentable.
“Salvo milagroso cambio de tendencia, o ano que vén ocorrerá o mesmo”, lamentou Álvarez quen, logo de pregar un cambio de tendencia ao goberno galego na execución orzamentaria, apostou ao responsable do Partido Popular que, o próximo ano, poderán desenvolver este mesmo debate na Cámara galega. “Debería ser innecesario vir ao Parlamento a instar á Xunta que execute o 100% duns orzamentos consignados” e aprobados por eles mesmos, sentenciou.