Carmen Rodríguez Dacosta censura o desleixo da Xunta con respecto a un sector estratéxico para a economía galega e pide axudas directas, programas formativos para a transformación dixital e un plan de fomento do relevo xeracional
O PP vén de rexeitar a iniciativa socialista para pór en marcha un plan de acción para o sector téxtil ante a perda continuada de postos de traballo. Fíxoo, hoxe, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.
A voceira de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, censurou o “desleixo” da Xunta de Galicia con respecto a un sector estratéxico para a economía galega, ante o que pediu ao goberno galego que desenvolva un plan de acción específico para o sector con axudas directas, programas formativos para a transformación dixital e un plan de fomento do relevo xeracional.
“En 2020 a facturación das empresas téxtiles galegas caeu un 35%, unha tendencia que non mellorará neste 2021, cando se prevé unha caída do 30% fronte a niveis anteriores á pandemia”, sinalou a voceira socialista, quen subliñou que “se non facemos nada ao respecto, veranse máis pronto que tarde as consecuencias desta dramática situación”.
Así, alertou de que a previsión é que “entre o 20 e o 25% de todos os negocios téxtiles desaparezan en Galicia a consecuencia da pandemia”. Neste senso, Rodríguez Dacosta puxo o foco sobre a situación que están a vivir empresas como H&M e Adolfo Domínguez, que anunciaron peches e traslados, dos que derivaron expedientes de regulación de emprego que deixarán na rúa a traballadoras e traballadores do sector.
Ao fío disto, a responsable socialista lamentou que a pandemia estea a “apagar” o comercio galego. “Non negamos que este é un problema de todo o país, pero en Galicia é tanta a crise do sector que está mesmo a afectar as chamadas ‘Millas de ouro’, que debido a peches e reubicacións, deixaron máis de 125 locais libres nas 7 grandes cidades de Galicia”.
De feito, subliñou, o 20% dos locais dos principais eixes comarcais de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol atópanse baleiros, segundo referiu en datos ofrecidos por La Voz de Galicia.
Nesta liña, Rodríguez Dacosta lamentou que o comercio acumule 14 meses consecutivos de retroceso nas súas ventas e dunha caída xeneralizada do consumo, a causa da pandemia, o confinamento, a caída do consumo e o boom do comercio electrónico.
Finalmente, a responsable socialista lembrou que Galicia conta na actualidade con 550 empresas de confección ou téxtil, que empregan a 21.800 traballadores e traballadoras, dos cales o 85% son mulleres, polo que é necesario que a Xunta “faga algo ao respecto” para que o sector continúe sendo estratéxico en Galicia.
“Isto non se arranxa cun bono desconto”, senón que “necesitamos que a Xunta de Galicia actúe e o faga rápido cun plan de acción que evite, ou polo menos reduza, a perda continuada de postos de traballo”, concluíu a socialista.