Paloma Castro critica o “abandono” deste inmoble por parte da Xunta que “gardou a chave nun caixón” e o converteu nunha “casa pantasma”
O PP vén de rexeitar a proposta socialista de crear un centro de día para maiores na Casa Quintán en Ponte Caldelas. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Política Social do Parlamento, onde votou en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.
A deputada socialista Paloma Castro criticou o abandono deste inmoble por parte da Xunta de Galicia que “gardou a chave nun caixón” e o converteu nunha “casa pantasma” cando este fora cedido por parte dos seus propietarios á administración autonómica para a construción dun centro de apoio a persoas con discapacidades físicas.
O inmoble foi restaurado pola Xunta gobernada por Emilio Pérez Touriño no ano 2009 e contou cun investimento público de máis de 407.000 euros, sinalou a socialista, quen lembrou que, deste xeito, o edificio se converteu nun “lugar accesible e dotado de todos os servizos”.
Malia isto, co cambio de goberno na administración autonómica, lamentou Castro, a Xunta de Feijóo abandonou o proxecto. “O abandono é tal que, no interior, hai algunhas alfombras enroladas e botes de pintura dos últimos retoques espallados e, no exterior, a maleza cubre totalmente os xardíns e as enredadeiras tiveron que ser podadas polo Concello porque comezaban a colonizar muros contiguos e a beirarrúa”, censurou a socialista.
Así, Castro criticou que esta “absoluta irresponsabilidade” supón “botar a perder un edificio tan fermoso e que conta cunha ducia de camas, cociña, salas de lectura e usos múltiples, enfermería, recepción, ascensor e almacéns”.
Dende o Concello de Ponte Caldelas, sinalou Castro, instaron á Xunta a retomar este proxecto e “reorientalo” como centro de día para maiores, “un servizo moi necesario neste municipio” e unha cuestión coa que están de acordo os cesionarios, a Fundación Sálvora, que aprobou o cambio de uso do inmoble. Ante isto, censurou, “a actitude da administración autonómica foi de total pasotismo”.
“En novembro de 2019, a directora xeral de Familia manifestou a intención de converter este espazo nun centro de menores e a vontade de comezar a usalo antes do verán de 2020 e exclusivamente como fogar de nenos e nenas baixo a tutela da administración autonómica”, o que supuxo, lamentou Castro, “un claro desafío de vontade de confrontación co alcalde deste municipio”, xa que “desatenden as necesidades da veciñanza”.
A XUNTA ACTÚA DE FORMA “CLIENTELAR E CACIQUIL”
Ao fío disto, a vicevoceira socialista lamentou a falla de sensibilidade do goberno galego cando “leva 6 anos sen facer ningún investimento no municipio” e logo de que os orzamentos da Xunta “discriminen aos concellos de diferente cor política”. “0 euros”, subliñou a vicevoceira socialista, foi o que investiu o goberno galego nos orzamentos de 2021 en Ponte Caldelas.
“Non é aceptable que os concellos da contorna teñan todos centros de día” e, pola contra, “Ponte Caldelas leve unha década pedindo un centro para os seus maiores, e non reciba resposta” cando “ten unha vivenda de dúas plantas nunhas condicións óptimas para este fin e pechada a cal e canto”. “Xa sabemos todos que a provincia de Pontevedra réxese polo caciquismo do señor Rueda, que focaliza os investimentos de acordo aos intereses do PP”, censurou.
Nesta liña, Castro lamentou que o PP “se esforce moi pouco en camuflar esta situación”, xa que “todos os días vemos na prensa fotos cun alcalde ou alcaldesa do PP”, o que deixa ver que o goberno galego “actúa de forma clientelar e caciquil” e “esquece que non está a discriminar a alcaldes e alcaldesas, senón que está a discriminar aos galegos e galegas que viven nestes municipios”.