Lara Méndez esíxelle ao PP e ao goberno galego que expliquen o cambio no sentido do voto en só 6 meses para negarse agora a impulsar ao sector nesta Comunidade Autónoma
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, lamentou hoxe o cambio no sentido do voto do PP, que hai 6 meses apoiaba no Parlamento unha iniciativa para pedirlle ao goberno un Plan Turístico Integral que aquel grupo rexeitou hoxe en Comisión. Méndez presentou esta iniciativa logo de medio ano no que “non sabiamos nada do que fixeran para levar adiante este Plan a favor do turismo sostible”.
Esixiulle ao PP que expliquen “por que ese cambio” no sentido do voto, co que abandonan ao sector turístico precisamente cando 1 de cada 4 hoteis ou casas de turismo rural están en perigo de peche. Desbotou as críticas do portavoz do PP, Borja Verea, que sinalaba que a mesma iniciativa fora presentada hai 6 meses cando el mesmo, lembrou Méndez, presentou en tres ocasións a mesma iniciativa sobre o Xacobeo 27 sen que iso supuxera o cambio do sentido do voto do Grupo Socialista.
Méndez urxiu ao goberno galego a superar a súa “visión curtopracista” e reivindicou unha estratexia a medio e longo prazo para adiantar a acción do goberno ás necesidades e demandas do sector turístico, impulsando o relevo xeracional tamén na hostalería.
Trasladou o seu apoio ao impulso do Xacobeo mais, dixo, non debe ser a única liña de actuación na estratexia turística de Galicia, “o Camiño si, pero non solo”, resumiu. Lembrou que Galicia ten potencialidades medioambientais, históricas ou gastronómicas abondo para ir “máis aló” da ruta Xacobea. “Galicia necesita unha planificación turística que teña en conta a súa estrutura económica, social, cultural, natural e humana”, resumiu.
A deputada do PSdeG cualificou de “imprescindible” contar cun plan turístico que aborde de xeito integral o desenvolvemento do sector, xa que “non pode haber un crecemento sostible sen fixar obxectivos e trazar liñas de actuación”, como tampouco sen identificar e priorizar produtos, servizos e destinos turísticos chave.
Ademais, apuntou, esa planificación “debe estar coordinada cos diferentes axentes turísticos, co sector privado e coa sociedade civil”, a fin de “maximizar os beneficios para a poboación local ao tempo que se minimizan os impactos negativos”.