Noelia Otero acusa á Xunta de “escusarse” no proxecto de urbanización do barrio para non executar a obra, “cando non ten nada que ver”
O PP opúxose hoxe no Parlamento a iniciar os trámites e asinar un convenio de colaboración co Concello de Vigo para construír o instituto de Navia, na cidade de Vigo. Fíxoo, despois de votar en contra dunha proposición de lei neste sentido impulsada pola deputada viguesa e voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero.
“Resulta unha tomadura de pelo, unha vergoña, que a estas alturas en marzo de 2022 teñamos que traer ao Parlamento galego, unha vez máis, esta petición para que a Xunta e o goberno do PP cumpran con este compromiso de tantos anos de construír un necesario instituto no barrio de Navia”, denunciou a socialista.
Otero incidiu en que “veciñas e veciños, comunidade educativa, FOAMPAS, sindicatos e Concello de Vigo veñen demandando dende hai anos a posta en marcha do novo instituto deste barrio, así como a elaboración dunha nova zonificación escolar que dea resposta ás numerosas familias, nenas e nenos e mocidade da zona” e, ante isto, a Xunta “escusase” en vencellalo ao proxecto de urbanización de Navia, “cando non ten nada que ver”.
“Non se entende cando o instituto é totalmente necesario”, subliñou, o cal supón un “desleixo absoluto”, un “novo engano a Vigo” enmarcado en “trece anos de mentiras”.
No ano 2020, sinalou dirixente socialista, o Concello enviou un borrador de protocolo para a cesión de terreos, pero a Xunta “non o subscribiu”. De feito, incidiu, tanto a delegada da Xunta como o propio presidente teñen anunciado en visitas ao barrio vigués o inicio do proxecto e un orzamento comprometido de 8 millóns de euros, “unha cifra que non está contemplada nos Orzamentos da Xunta aprobados para este ano”.