O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe á Xunta que convoque a totalidade das 457 prazas MIR que veñen de ser habilitadas polo Ministerio de Sanidade. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que “estean á altura” e aproveiten o maior número de prazas da historia, e que foi rexeitada polo PP.
Torrado cualificou de “desfachatez” e “o colmo do cinismo político” que logo de ter despregado unha campaña de descrédito contra o goberno central pola falla de médicos, a Xunta estea agora “poñendo escusas de mal pagador” para renunciar a esta oportunidade. Criticou que “ao PP impórtalle un bledo a sanidade pública, só se preocupan de poñer peros e quedan en evidencia constantemente”.
O responsable socialista sinalou que “a nosa ideoloxía é a sanidade pública, e a diferenza dos deputados do PP non temos que agocharnos”, para acusar ao goberno galego de “desarmar o sistema sanitario público mentres están unicamente preocupados do manido relato”. Denunciou que “estean máis preocupados de buscar culpables que de buscar solucións” cando a realidade é que Feijóo deixou sen convocar 150 prazas MIR que tiña habilitadas nos últimos 10 anos.
Sinalou que mentres escusaban a Rajoy cando facía as convocatorias máis baixas, con Pedro Sánchez reclamaban unha convocatoria extraordinaria ilegal grazas á Lei de Aznar, e agora que poden convocar 129 MIR de familia e outros 27 de Pediatría “comezan a escorrer o vulto” e adiantar que non van aproveitar o total de 457 prazas.
Lembrou que mentres o goberno socialista convoca o MIR máis grande da historia, con Rajoy “ningunearon Galicia” co menor número de prazas convocadas en dez anos, como foron as 88 prazas na especialidade de Medicina Familiar de 2011 e 308 prazas en total de 2013 con Rajoy como presidente do goberno. Daquela, dixo, condenaron ao persoal a unha longa convalecencia de déficit e precariedade laboral co obxectivo de deteriorar á sanidade pública.