Julio Abalde acusa á portavoz do PP en Camariñas de impedir no Parlamento a recuperación da planta de semente de Camariñas
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, lamentou hoxe ao veto do PP á proposta do PSdeG para poñer en marcha unha rede pública de plantas de produción de semente de moluscos. O responsable socialista sinalou que co voto en contra dunha proposta presentada polos socialistas na Comisión de Pesca do Parlamento están a demostrar que “apostan claramente pola privatización”.
O responsable socialista explicou que o PP intentou mudar a proposta orixinal presentada polos socialistas, que lle pedía á Xunta que puxera en marcha unha rede de plantas de produción de sementes de moluscos utilizando a experiencia do CIMA e de Redemar. Sinalou que o PP presentou unha emenda de substitución para que o goberno galego financie iniciativas privadas no canto de aproveitar os recursos propios.
Criticou que queiran poñer ademais ao CIMA e Redemar ao servizo do sector privado, para que “acaben beneficiándose tamén dos coñecementos dos centros de investigación públicos”, cando “ten que haber unha rede pública que produza semente de moluscos”. Explicou que o mercado necesita de “cantidades inxentes” para superar a crise de produción marisqueira, polo que “no mercado hai espazo suficiente”.
Planta de Camariñas
O responsable socialista afeoulle á deputada e concelleira do PP de Camariñas, Paula Mouzo, que fora precisamente ela quen defendera a contraproposta do seu partido na que quitou a referencia á planta de Camariñas. Lembrou a historia desta planta, que “pasou de referencia na produción de semente de moluscos á ruína pola xestión do goberno dirixido polo PP, que tomou a decisión de pechar o criadeiro”.
Abalde reiterou a necesidade de recuperar as plantas de produción para garantir subministro de semente en función das necesidades das confrarías “pero sempre dende o público”, e engadiu que “lamentablemente, ao PP o público non lle gusta”.