Julio Abalde criticou que os populares lle dean as costas ao sector pese a descensos de produción que no caso de especies coma o berberecho chegan a un 93 %
O PP rexeitou hoxe na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia a posta en marcha de axudas aos mariscadores e mariscadoras afectados polo peche de bancos nas rías galegas. Os populares negáronlle o apoio a unha iniciativa a través da que Grupo Socialista lle reclamaba á Xunta unha convocatoria urxente de subvencións para compensar a paralización da actividade como consecuencia da baixa produtividade.
O deputado do PSdeG Julio Abalde alertou de que, unha vez que están dispoñibles os datos de 2024, compróbase que o descenso da produción é “dramático”, en especial, no caso de especies coma o berberecho, cunha caída do 93 %. Esta críse pásalles factura, sobre todo, aos profesionais do marisqueo libre, tanto a quen faenan a pé coma a quen o fan en embarcacións, pero tamén lles atinxe aos pescadores da baixura e litoral. “E o incremento dos prezos non compensa a drástica redución de capturas”, matizou o parlamentario socialista.
Abalde advertiu de que o deterioro dos bancos “se incrementa ano a ano”, co que se perden “toneladas de bivalvo e millóns de euros de facturación”. En concreto, no 2024 esta caeu á metade que no anterior quinquenio, segundo precisou. É unha realidade que a Consellería do Mar “xa non nega”. Pola contra, “recoñece, por fin, que o cambio climático, as condicións ambientais e a contaminación están afectando”. Porén, “busca culpables noutras administracións”, cando se nega a regular o baleirado dos encoros e non realiza ningunha avaliación dos resultados das medidas que implanta.
Entre tanto, o sector reclama “que a Consellería deixe as escusas, que escoite e que se poña a traballar en serio no saneamento e rexeneración das rías”, afirmou Julio Abalde, que lle reprochou á Xunta que “os parches xa non valen” e que, chegados a este punto, é preciso “un plan serio” para o saneamento integral de ríos e rías.
Cuantías insuficientes para a rexeneración
Por outra banda, o deputado socialista cualificou de “insuficientes” as axudas á rexeneración que a Xunta publicou en decembro, xa que financian un máximo de 15.000 euros por proxecto. Outro tanto pasa coas de restauración da biodiversidade, cun total de 1,1 millóns en xullo e 1,9 en decembro para toda Galicia, cantidades que “non resolven o problema actual”.
Recordou tamén que en novembro se aprobou en comisión parlamentaria por unanimidade unha proposta do Grupo Socialista para a creación inmediata dun fondo para axudas a traballadores e traballadoras do mar afectados polos períodos de paralización da actividade, pero a estas alturas de 2025 “aínda non se sabe se serán tramitadas” as axudas como consecuencia do peche dos bancos en 2025. Así, Abalde uxiu ao Goberno galego a tirar do FEMPA “ou de fondos propios” para habilitar as axudas, e incidiu que é necesario evitar que, “como sucedeu no anterior período”, se deixen fondos europeos sen executar.