O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, lamentou o veto do PP a pedirlle á Xunta unha estratexia de negociación específica para reducir os custes de melloras no subministro eléctrico ás Pemes agrogandeiras. Losada presentou unha proposición non de Lei neste en Comisión parlamentaria para reclamar unha liña de axudas financeiras para a mellora de subministro de enerxía nestas empresas, que foi rexeitada polo PP.
O parlamentario socialista reclamoulle á Xunta que lles impoña ás eléctricas a obriga de reducir os prezos na mellora no subministro eléctrico ás Pemes agrogandeira como condición para recibir axudas públicas. Advertiu que a Xunta ten “moito que facer” en apoio á mellora do subministro eléctrico no sector agrogandeiro, polo que reivindicou “seguir avanzando na idea de fixar prazos, orzamentos ou liñas de actuación concretas”.
O responsable socialista tildou de “películas” os anuncios do goberno galego sobre a suposta mobilización de investimento entre as Pemes do rural cando Ourense é a terceira provincia de España na que menos medraron as afiliacións á Seguridade Social. De acordo cos datos de afiliación coñecidos onte, Lugo “non vai moito mellor”, situándose no décimo posto pola cola.
Sinalou que malia ás “toneladas de publicidade e propaganda” da Xunta, “a ocupación no sector primario non medra, as taxas de relevo xeracional son baixísimas” e o sector agrogandeiro “perde emprego a chorros”. Advertiu que a actuación do goberno galego resulta imperceptible mesmo máis alá do sector primario, xa que de acordo co Ministerio de Emprego, mentres España recupera os niveis de afiliación de 2008, Galicia aínda está un 40 por cento por debaixo.