A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle hoxe ao goberno galego que habilite unha liña de axudas para a instalación de mecanismos de eliminación do parasito anisakis nos buques pesqueiros galegos. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Pesca, que foi rexeitada polo PP.
Otero criticou a “incompetencia e desleixo” da Consellería do Mar para a implantación destes mecanismos, e lembrou a drástica redución da partida orzamentaria destinada a “investimentos a bordo”. Esta partida, incluída no programa de Mellora da Calidade Produtiva Pesqueira, pasou de 1,3 millóns de euros en 2017 –dos que só executaron o 37 por cento- a apenas 100.000 euros en 2019.
Reclamou ademais a posta en marcha de campañas de promoción para estas axudas, máxime cando o goberno galego argumenta que non se executan porque “non foron solicitadas polo sector”. Criticou a “falla de competencia absoluta por parte da Consellería do Mar para dar a coñecer estas medidas, que na súa maior parte proceden de fondos europeos, que cando non se executan teñen que ser devoltas.
Esixiu unha maior implicación da Consellería do Mar para prever a presenza do parasito na cadea trófica, co obxectivo de que o produto chegue ao consumidor final sen anisakis, que “pode provocar graves problemas de seguridade alimentaria”.
Barcos de Burela
A parlamentaria socialista lembrou que dous buques galegos da flota do Gran Sol, con porto base en Burela, instalaron a finais de 2017 o primeiro equipo para suprimir o anisakis a bordo. Trátase dun dispositivo desenvolto con financiamento do Fondo Europeo Marítimo da Pesca xestionado polo goberno galego, que permite manipular as vísceras dos produtos a bordo.
Este tipo de controis permiten limitar tanto a chegada a porto de produto co parasito como a súa presenza nas vísceras que son devoltas ao mar, pero resultan custosos, polo que é “necesario que por parte da Xunta de Galicia se creen liñas de axuda que permitan dotar de medios ás embarcacións para mellorar o proceso de evisceración a bordo”.