A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, criticou hoxe a negativa do PP a garantir o carácter público do futuro Centro de Atención para Persoas con Diversidade Funcional de Ourense. Blanco presentou en Comisión unha iniciativa parlamentaria pedíndolle á Xunta un “centro público, de xestión pública e atendido por persoal público” que foi vetada polo PP.
Blanco cualificou de “tomadura de pelo” a negativa do PP a apoiar esta proposta para atender os “dramas persoais” das familias que necesitan deste recurso e que levan padecendo a “hipocresía política sen límites do PP” dende que prometeu a infraestrutura en 2016. A responsable socialista levou ao Parlamento a petición das nais e pais afectados que ofreceron adiar o inicio das obras ata 2020 para garantir o acordo, pero que o PP continuou vetando.
A responsable socialista censurou o retraso do proxecto, que partiu dun acordo en 2016 asinado polos candidatos ás autonómicas –incluíndo ao representante de Democracia Ourensana que hoxe é vicepresidente da Deputación- para pedir a posta en marcha do centro en 2017. Dixo que “despois foi adiado ata 18, despois para 19-20, e no 20 resulta que aínda non comezaron coas obras” nesta “historia de nunca acabar”.
Reclamou así que se “axilicen as obras e a tramitación administrativa” e lembrou o compromiso asinado polo PP no ano 2016 no que se comprometían a comezar as obras no ano do 2017 ao mesmo tempo que prometían a titularidade pública do centro.
A deputada destacou a existencia de centros similares de titularidade pública no resto de provincias e destacou o incremento de prazas privadas na provincia de Ourense en detrimento dun servicio público. Tamén denunciou a falta de interese por parte da nova corporación municipal de DO en reunirse coa plataforma de pais e nais que seguen loitando por un centro público e de calidade.
Afirmou que se trata dunha “historia que sangra inxustiza” e “os únicos culpables son o goberno do PP e a corporación municipal en mans de Democracia Ourensana”, que prexudican aos nais e pais das persoas con necesidades especiais que reclaman o centro dende 2017 e que hoxe carece dunha “previsión de concesión de licencia” que permita comezar a súa construción.