A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, apelou á “lealdade” da Xunta para garantir o cumprimento da Lei de Eutanasia que está a ser debatida no Congreso. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento na que lle recriminaba ao goberno galego o incumprimento da Lei de atención aos enfermos terminais aprobada en Galicia en 2015 e que a día de hoxe segue sen ter desenvolvemento regulamentario por parte da Xunta.
O PP rexeitou esta iniciativa que a parlamentaria socialista presentou coincidindo co inicio do debate no Congreso dos Deputados dunha proposición de Lei Orgánica presentada polo PSOE o pasado 24 de xaneiro para regular a eutanasia.
Patricia Vilán acusou ao PP de “só aplicar en Galicia leis conforme a súa moral e ideoloxía”, que comparou coa regulación da interrupción voluntaria do embarazo, e sinalou que é “un novo dereito que vostedes queren negar”. A responsable socialista cualificou esta negativa de “insulto” cara “ás persoas que non teñen capacidade de decidir mentres sofren e que queren elixir cando queren morrer”.
A responsable esixiulle á Xunta que garanta o cumprimento da dita lei no Sergas asegurando “o dereito a morrer con dignidade” daquelas persoas que así o decidan, e reclamou máis medios materiais e humanos para que os profesionais da sanidade pública galega sexan capaces de “adecuar a súa dispoñibilidade” á nova lexislación. Desta forma protexerase “un novo dereito civil, baseado nunha decisión moi persoal, consciente, informada, meditada e libre”.
Morte digna
A deputada acusou ao goberno galego de ter paralizada a Lei de Persoas Enfermas Terminais aprobada en Galicia en 2015, e que a día de hoxe ten sen desenvolver o seu Regulamento por parte do goberno galego. Pediu a elaboración dun informe que dea conta do “cumprimento e difusión” da lei en Galicia e a comparecencia do conselleiro de sanidade para que informe sobre o seu cumprimento.
A responsable socialista lembrou que a lei de 2015 refírese a “persoas enfermas terminais” e pediu o desenvolvemento da mesma a través da elaboración dun regulamento que se desenvolva a través dun “procedemento transparente e participativo”.
Vilán denunciou que “non sabemos oficialmente nada” da aplicación de dita lei. Neste sentido destacou a inexistencia do rexistro “polo que as persoas enfermas terminais poden decidir sobre as opcións acerca de coidado e tratamento en situacións nas que xa non sexan quen de expresalas persoalmente”.