O portavoz de Agricultura e Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe ao PP de bloquear a concentración parcelaria Dodro – Laíño II unicamente por secundar o “capricho” do ex alcalde de Dodro, do PP. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP a unha proposta presentada hoxe polo PSdeG na Comisión de Agricultura para desbloquear a dita parcelaria.
Explicou que a situación actual, que ten paralizado os traballos de concentración parcelaria, nacen da decisión do PP de modificar no ano 2016 de xeito unilateral o Pxom do Concello para alterar a parcelaria incluíndo un Polígono Industrial que non estaba previsto. Esta situación derivou na paralización de todo o proceso “contra o criterio do resto dos grupos municipais e dos veciños de Dodro”, rompendo ademais cun PXOM posto en marcha en 2011 polo PSdeG dende a alcaldía.
Actualmente volveu gobernar o PSdeG no Concello, e o ex alcalde decidiu iniciar un proceso de “extorsión da vida municipal”, impoñendo unha maraña de denuncias xudiciais diante de cada decisión local, “amedrentando aos técnicos municipais e paralizando a un concello”, malia o que contou co “incomprensible respaldo do PP galego”, como demostrou o seu voto de hoxe.
Sinalou que “os caprichos dun dirixente do PP lastran a capacidade económica do sector agro forestal do concello e a posibilidade de contar con solo industrial nunha zona determinada” logo de “cambiar un Polígono por unha zona encapsulada entre vías de comunicación, un gasoduto, e ademais facendo inviable a concentración parcelaria que agardaban os veciños”.
Martín Seco reclamou hoxe “retomar a parcelaria incluíndo as parcelas do polígono 27” e “agardar á sentenza xudici9al polas denuncias interpostas pola Comunidade de Montes para poñerlle sentido ao capricho do ex rexedor do Concello”. Reclamoulle ao goberno galego que “retome unha concentración que leva paralizada moitísimos anos provocando o freo do desenvolvemento económico do Concello”.