Noelia Otero insta ao goberno galego a “desbloquear” a entrega dos 111 millóns de euros de axudas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica comprometeu para as dúas comarcas tralos peches das térmicas
O PP impediu un acordo parlamentario promovido polo Grupo Socialista para asinar o convenio de transición xusta das Pontes e Meirama co obxectivo de poder avanzar no proceso de concreción dos novos investimentos nas localidades afectadas.
Ocorreu, hoxe, na Comisión de Industria do Parlamento onde a deputada socialista Noelia Otero censurou que a Xunta “estea poñendo en risco” as “axudas millonarias” destinadas á reactivación das comarcas afectadas por unha falla de compromiso, precisamente, cando “xa hai proxectos interesados en optar ás axudas”.
Neste senso, a responsable socialista sinalou que as centrais de As Pontes e Cerceda son, agora mesmo, “as dúas únicas” do país afectadas polos procesos de descarbonización nas que administración central e autonómica “aínda non selaron un acordo”, xa que “o Executivo central remitiu en marzo o protocolo e, case oito meses despois, aínda estamos demandando que se asine e se faga efectivo” por parte do goberno galego.
Con todo, Otero destacou que nos atopamos ante un proceso “indispensable” para que o tecido empresarial e social do municipio “poidan beneficiarse das axudas” e, deste xeito, “garantan os postos de traballo” nas comarcas. Por iso, ante esta circunstancia, “a estratexia de confrontación, que non beneficia a absolutamente ninguén, é intolerable e irresponsable” por parte do goberno galego, censurou.
O “compromiso” e a “colaboración”, subliñou a voceira socialista, teñen que ser “absolutos” por ambas partes, por iso instou á Xunta a “marcar con urxencia unha data” para asinar o convenio e “desbloquear a entrega destes 111 millóns de euros de axudas que o ministerio comprometeu para as dúas comarcas” tralos peches das térmicas.