O Grupo Popular impediu hoxe un acordo parlamentario para pedirlle á Xunta o orzamento necesario para executar a dragaxe da Ría de Pontevedra. A proposta foi presentada pola portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, como emenda a unha iniciativa presentada polo BNG, pero que foi rexeitada polo PP.
Vilán lembra que o proxecto non conta con cartos suficientes nos Orzamentos da Xunta, polo que reclama “unha modificación orzamentaria, unha transferencia entre partidas ou calquera outra fórmula”. A responsable socialista reclamáballe ademais ao goberno galego que fixara en marzo deste ano o límite para executar un proxecto que levan adiando dende hai 10 anos, pero o propio BNG negouse a incorporalo á súa proposta.
Alerta da a urxencia desta intervención no fondo da Ría, aproximadamente ao longo de 5 quilómetros da canle de navegación entre a ponte do Burgo e o dique de Os Praceres, “dende o punto de vista medioambiental, marisqueiro, pesqueiro e deportivo”.
Ademais, dixo, o proxecto “debe incluír a retirada e tratamento en terra daqueles lodos substraídos que non poidan ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da Ría”. Vilán lembra que “o Goberno galego nunca fala de levar os lodos á antiga Sogarisa, por exemplo”, por canto limítase a apunta que “non hai ningún punto elixido, senón que é algo que se está a estudar”.
Dez anos de retraso
A responsable socialista critica que o goberno galego leve xa dez anos co proxecto paralizado, dende que en 2009, o daquela Portos de Galicia, Álvarez Campana, anunciara o proxecto, pero que non retomaron ata 2016, cando dicían que “a finais de 2018 estaría rematado e licitado”. Sen embargo, en 2019 a Consellería do Mar sinala que “está a acelerar a contratación dos estudos de viabilidade dun novo punto de vertido”, que a día de hoxe segue sen concretar.