A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, lamentou hoxe o veto do PP a unha moción socialista dirixida a “rexeitar de maneira explícita calquera tipo de pacto ou coalición con formacións políticas que neguen as diversas manifestacións da violencia de xénero”. Pierres presentou esta iniciativa no Pleno do Parlamento, no que o PP foi o único partido en contra da proposta.
A responsable socialista reivindicou así que “nin un só pacto teña cabida neste Parlamento con aquelas forzas políticas que pretendan desprestixiar ou poñer en dúbida cuestións tan importantes como a mera existencia da violencia de xénero”. Pierres alertou así fronte ás formacións de dereita que “menoscaban a importancia de seguir incidindo nas políticas de igualdade e na defensa dos dereitos e liberdades das mulleres”.
Pierres lamentou a oposición do PP a unha proposta dirixida a que “ninguén veña a deshilvanar o que se ten cosido ata o momento” co fin de menosprezar a contribución do feminismo “na consecución dunha igualdade real entre mulleres e homes”.
A iniciativa debatida hoxe tiña como obxectivo a loita contra a violencia contra a muller de carácter especificamente económico, entendida como “a privación intencionada, e non legalmente xustificada, de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos”. Tamén inclúe, explicou, a discriminación da disposición dos recursos compartidos no ámbito da convivencia en parella”.
A parlamentaria socialista advirte de que “non cumprir cos pagos estipulados dende un xulgado, non facer fronte ao pago da hipoteca común, son “modos de perpetuar o control, de obrigar á muller a non romper nunca o vínculo que lle une ao seu maltratador”. Explicou que “son moitos os maltratadores que atopan nesta práctica o modo de continuar humillando, unha clase de demostración de poder, de que el segue a ser necesario e de quen non se pode prescindir”.
Proposta
Reivindicou así modificacións a nivel impositivo e fiscal, con modificacións no IRPF para “evitar que unha vítima teña que asumir a débeda do maltratador en caso de tributación conxunta, conquerindo que a parte autonómica da débeda quede exenta”. Tamén propuxo activar deducións por aluguer ou adquisición de vivenda ou facilitar axudas periódicas, mellorando os recursos de acollemento e medidas de sensibilización ou divulgación.
María Pierres apelou ás forzas políticas a “amosar unha madurez política suficiente como para traballar por deseñar eses cambios nas medidas fiscais que permitan facilitar o camiño da recuperación das vítimas e por suposto non lastrar as oportunidades de futuro dos menores que viven directamente estas violencias”.
Comparecencia
Por outra parte, a portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, criticou hoxe os “fíos” que unen ao PP coa formación de extrema dereita. Durante comparecencia do conselleiro de Presidencia sobre as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, advertiu que mentres manteñan lazos coa formación de Santiago Abascal “as súas verbas e accións estarán sempre baixo un filtro de interinidade”.
María Pierres instou ao PP e ao goberno galego a “romper os fíos que lles unen a forzas que menoscaban, negan e reducen a importancia do papel do feminismo, da loita pola igualdade e da violencia de xénero”. Reclamou ademais “un protocolo máis coidado na transmisión da información” sobre as axudas ás vítimas para “mellorar no coñecemento desta realidade” e apuntale “os argumentos que a estrema dereita nega e incluso terxiversa con datos falsos”.
A responsable socialista denunciou que o goberno galego apenas executou en 2018 un 2,29 por cento dos fondos dispoñibles para medidas incluídas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Ademais, dixo, ata marzo de 2019 o goberno galego tan só comprometeu e executou 200.000 euros dos 8,5 millóns de euros que lle corresponderon a Galicia para desenvolver estas medidas.
Acusou ao conselleiro de obviar o seu compromiso de mellorar a calidade da rede de Centros de Información á Muller de Galicia, por canto “non foron quen de incorporar nin un só novo centro”. A rede ten actualmente 82 centros, que “apenas chegan a cubrir ao 26 por cento de tódolos concellos de Galicia”, e aínda hai cinco comarcas sen ningún CIM nos seus concellos, como son Meira, Fonsagrada, Ancares, Terra de Caldelas e Paradanta.
En relación aos Centros de Acollida, alertou dos “problemas graves de accesibilidade” ou de humanización xeneralizados, e sinalou outros casos como o CEMVI de Vigo, con serios problemas de uso en áreas concretas como é a de atención a terapias cos nenos”. A deputada apunta a necesidade de “aportar orzamento para as debidas reformas, así como para renovar moito do mobiliario e dos equipamentos destes centros”.
Tamén responsabilizou ao goberno galego da “falla de formación e sensibilización dos profesionais implicados na atención ás vítimas de violencia de xénero”. Por isto, Pierres pediu máis recursos para solventar estas eivas que implican derivacións incorrectas de vítimas a recursos que non son os axeitados, como teñen denunciado as traballadoras das casas de acollida.
Axudas ao aluguer
Pierres sinalou á falla de apoio ao aluguer para as mulleres vítimas de violencia de xénero “máis alá das axudas de alugueiro social que amparan un máximo de tres anos de axuda ao aluguer”. Reclamou a reserva efectiva dunha porcentaxe das vivendas que se incorporen ao parque de vivenda público, e apuntou que o problema desta iniciativa é “que para que sirva de algo teñen que incorporar novas vivendas ó parque público de vivenda”, o que “é difícil executando tan só 8 vivendas ao ano”, como fai o goberno galego.
Reclamou un maior interese do goberno galego na posta en marcha de programas e campañas que atenden “as agresións que se producen no ámbito rural e entre as parellas xóvenes”, e lembrou o plus de fondos que percebe Galicia precisamente para atender ás vítimas no rural. Tamén preguntou polos obxectivos e medidas concretas a raíz das “axudas que lle outorgou a Xunta de Galicia a diversas ONGs con medio millón de euros procedentes do Pacto de Estado”.