A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, lamentou hoxe que o PP votara en contra dunha proposta socialista para pedirlle a Portos de Galicia que reverta no concello de Burela a parcela número 7 da Travesía do Porto, actualmente en desuso e nun estado “lamentable” para dedicala a uso xuvenil. Otero presentou esta iniciativa na mesma Comisión de Pesca do Parlamento na que o PP si que aprobou outra iniciativa socialista para axilizar a entrega aos concellos dos terreos de Portos en desuso.
A responsable socialista amosou a súa “sorpresa” pola actitude do PP, que evidencia que “unha cousa é o que din e outra o que fan”, ao negarse en redondo a unha proposta plantexada “polo ben da veciñanza”. Lembra que o terreo na práctica abandonado, de 1.900 metros cadrados, sitúase nunha “zona idónea” para un concello de apenas 8 quilómetros cadrados, que carece de instalacións acaídas para o lecer da xuventude.
Asegurou que “tampouco entendemos a actitude de Portos de Galicia” ao negarse a ceder unha parcela que “non están a usar nin están a coidar, nunha parcela que da unha imaxe de abandono e suciedade”. Lembra que o propio PP tamén se abstivera nunha iniciativa semellante no propio Concello de Burela alegando que o concello non tivera solicitado a cesión do espazo, “pero si, porque de feito llelo denegaron”.
Diante dos argumentos do portavoz do PP, que repetía que o Concello non solicitara o terreo, a parlamentaria socialista presentou o documento do Concello rexistrado o pasado 19 de agosto “para a instalación dunha zona de ocio xuvenil”, así como a resposta de Portos de Galicia, do 17 de setembro, denegando a petición. A mesma sorte correu, lembrou, a petición de cesión do Miradoiro da Limosa, que tamén foi denegada por parte de Portos de Galicia.
Patricia Otero lembrou que a petición do espazo partía do propio Concello pero tamén de diversos colectivos sociais interesados, que respaldaban a iniciativa do goberno local para dispor dun parque para a xuventude. Dixo que “entre non ter nada e poderlle dar uso ao terreo é cuestión de falalo e de coordinarse entre as administracións polo ben da veciñanza”.