O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe ao PP que lle retiren o apoio á alcaldesa de Boimorto por empregar o seu “cargo de influenza” para vacinarse. Así o dixo no debate dunha moción no Pleno do Parlamento de rexeitamento das vacinacións indebidas e na que os socialistas pedían contratar 200 profesionais de enfermería adicionais para o plan de vacinación, que o PP rexeitou.
O responsable socialista puntualizou que “estamos agardando que o PP diga que a alcaldesa de Boimorto debe dimitir”, e lembrou que por moito que se teña dado de baixa do partido, o PP municipal segue a apoiala no Concello. Emprazou ao PP a demostrar o seu compromiso e retirarlle o apoio dos seus concelleiros, ou do contrario estarán demostrando que “incumprir é gratis”.
Torrado sinalou no mesmo sentido o caso da xerente de DomusVi, que foi vacinada xunto co seu irmán, como revelou eldiario.es, o que, dixo, “non sei se foi par apagar os favores prestados, pero é indecente”. Advertiu que “se está permanentemente en contacto cos residentes –tal e como dixo Feijóo- está cometendo un erro, non poden ir as familias e pode ir ela circulando o virus por todas as residencias, o que é peor que a realidade, que é que a vacinaron porque era ela”.
A proposta debatida hoxe e rexeitada polo PP lle pedía á Xunta sumarse ás iniciativas e acordos que se poidan desenvolver a través do Consello Interterritorial, e chamaba ao Parlamento a rexeitar as aplicacións indebidas de vacinas por “determinadas persoas” que aproveitan as “posicións de influenza” para recibir as doses.
Persoal
O responsable socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego contratar 200 enfermeiras máis para reforzar o plan de vacinación logo da “barbaridade” do presidente da Xunta ao sinalar que “Galicia podía vacinar en 10 semanas” a toda a súa poboación. Torrado explicou que segundo a poboación e o persoal disposto para o Plan de Vacinación, en realidade necesitarían poñer vacinas durante 14 horas diarias sen parar.
O parlamentario socialista reclamou 6 millóns de euros para contratar 200 profesionais durante un ano, o que supón “o 0,00004 por cento do Orzamento da Xunta” que rexeitan “pola tema do PP de non contratar máis”. Alertou de que por moito que o conselleiro apuntara aos profesionais de Atención Primaria, esta decisión suporía evidentemente “retirar persoal de Primaria” cando, dixo, non hai “nada” máis importante que “vacinar ben, rápido e con seguridade”.
Torrado afeoulle ao PP que logo de que Feijóo reclamara que as máscaras FFP2 foran obrigatorias, agora rexeiten esta proposta socialista que incluía pedirlle á Xunta que lles facilitara estes dispositivos aos empregados públicos “con especial risco e exposición a contaxios”. Sinalou que o PP evidencia que a Feijóo “os profesionais públicos e as máscaras danlle igual”, porque “o que busca é confrontar co goberno central para escapar da súa responsabilidade”.