A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez lamentou hoxe que o PP e a Xunta “danlle as costas aos veciños e veciñas de O Pino”, que reclaman o desbloqueo da concentración parcelaria das comarcas de San Miguel de Pereira e Arca, naquel concello. Rodríguez presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Agricultura do Parlamento, pero foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista acusou ao PP de “tomarlle o pelo aos veciños e veciñas” que teñen optado pola concentración parcelaria duns montes que son “dos poucos do termo municipal que non contan cunha adecuada ordenación nin concentración”. Así o recoñeceu ademais o propio Concello, que aprobou recentemente unha declaración a raíz dunha moción presentada polo Grupo Socialista neste sentido.
Advertiu que, se ben a parcelaria de San Miguel de Pereira iniciou o proceso en 1998 e conta xa con estudo de impacto ambiental, o relativo ao monte de Arca “non está nin iniciado, e mesmo carece de estudo previo de viabilidade”. Rodríguez secundou as peticións dos veciños e do Grupo Municipal Socialista para reclamar “máis medios para limpar e concentración parcelaria” como medios para frear os lumes forestais e permitir a valorización do monte galego.
Levou ao Parlamento a petición de mais de 180 propietarios de monte da parroquia de San Miguel de Pereira, paralizado dende a chegada de Feijóo ao goberno galego, ademais de realizar o estudo de viabilidade que permita iniciar o proceso de concentración na parroquia de Arca. Os dous montes contan cunha “gran riqueza forestal”, pero a súa situación “resta rendibilidade económica” e están abocados ao abandono.
Lamentou o escaso interese do goberno galego por axilizar as concentracións parcelarias nos montes de Galicia, que supón o desaproveitamento do 30 por cento da superficie forestal de Galicia. Explicou que dos 2 millóns de hectáreas de monte, 600.000 carecen de ningunha actividade agrosilvopastoral, hai 1,38 hectáreas de propiedade descoñecida, 370.000 hectáreas concentradas e outras 112.000 en proceso de concentración, a maioría forestais.
Sinala que “a situación é que mentres a maleza e o abandono foron gañando terreo no campo galego, non houbo políticas por parte do goberno galego para frealo”. Apunta que entre 2009 e 2017 mantiveron os instrumentos postos en marcha polo goberno presidido polo socialista Touriño “pero non houbo un impulso real na aplicación destas ferramentas”.
Salientou que mesmo a aprobación da Lei de Recuperación da Ferra Agraria ficou malograda “cando o goberno galego promove unha moratoria da plantación o eucalipto que provoca o efecto contrario, un efecto chamada ás cortas de madeira e plantacións indiscriminadas desta especie”.
Explica que mentres a mediados do século pasado había 900.000 propietarios de terras agrarias e forestais e nun número case equivalente de persoas que as traballaban, hoxe hai 1,7 millóns de donos de parcelas, pero só 49.000 ocupados.