A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco apuntou hoxe ao retraso sine die na construción dos centros de saúde de O Vinteún e de Mariñamansa como “outro dos danos colaterais do cócktel explosivo das promesas incumpridas, as mentiras e os recortes de Feijóo coa mala xestión do alcalde de Ourense. Así o dixo na Comisión de Sanidade do Parlamento, logo de que o PP vetara unha proposta socialista para poñerlle data a estas infraestruturas.
Blanco sinalou que a falla de compromiso do goberno galego con estes servizos constitúe “un novo agravio do goberno galego contra a atención sanitaria de Ourense” logo da negativa do PP, no pasado Pleno do Parlamento, a comprometer a apertura do servizo de Hemodinámica 24 horas na cidade.
A responsable socialista acusou ao PP de “boicotear” a posta en marcha destas obras tanto dende o goberno galego como dende o Concello. Lembrou que o goberno local liderado polo PSdeG na pasada lexislatura conseguiu acadar a ocupación da parcela prevista para o Vinteún, e en 2010 lle facilitaron ao goberno galego ata 6 posibles ubicacións para a construción dun novo Centro de Saúde no barrio de Mariñamansa.
Máis de dúas lexislaturas despois de que o Concello comezara cos trámites, o goberno galego vén de presentar o pasado 25 de xaneiro un novo “paquete de 25 centros de saúde” que inclúe o do Vinteún no que, advertiu, constitúe un “anuncio electoralista sen orzamento nin terreos cedidos”. E todo isto a pesares de que en 2016 e 2017 o Grupo Municipal Socialista presentara dúas mocións para reclamar estes dous novos centros de saúde.
Noela Blanco lamentou que o actual alcalde dera “a calada por resposta” diante destas iniciativas, a pesares de que foran aprobadas no Pleno do Concello, demostrando “falla de compromiso” ao non facer “nin a primeira xestión” e “tampouco protestara cando o PP rexeitou as emendas socialistas aos Orzamentos da Xunta para esixir as partidas necesarias para as obras”.