Elena Espinosa censura que o PP queira “pechar a correr” o órgano “antes de final de ano e sen esclarecer nada”
“Isto no valeu para nada porque o PP quixo que fora así”. Así resumiu a viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, os traballos da Comisión de Investigación constituída no Parlamento para analizar o sobre custe de 470 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro e o abuso dos contratos menores no entorno do PP durante a pandemia.
Espinosa interveu na sesión da Comisión celebrada hoxe para reclamarlle de novo ao PP que aceptara a comparecencia do ex presidente da Xunta e máximo responsable cando tiveron lugar os feitos sinalados polo Consello de Contas, Núñez Feijóo. A responsable socialista dixo que o PP converteu o órgano nun “paripé” porque “non quixeron que se soubera a verdade”, rexeitando tódalas comparecencias e peticións de documentación presentadas polos socialistas galegos.
Advertiu que “tal e como pediamos os socialistas, esta Comisión péchase a correr antes de final de ano e sen esclarecer nada”, sinalou ante a intención do PP de rematar cos traballos do órgano neste Nadal. Criticou que o PP non quixera nin incorporar á lista de comparecentes ao conselleiro de Economía do goberno de Emilio Pérez Touriño “para que non quedara en evidencia que mudaron o proxecto para facer un hospital 470 millóns de euros máis caro e con menos camas”.
Resumiu que “o que mal empeza, mal acaba”, antes de lembrar que o PP comezou vetando as emendas ás normas de funcionamento presentadas polos socialistas galegos en base a un suposto informe xurídico que “nunca existiu”.
A continuación impuxeron o Plan de traballo do PP sen abrirlle a porta “nin un só comparecente máis”, negando mesmo a achega de expedientes de contratos de Eulen e Universal Support, Mappe Asesores e Sibucu 360 durante a pandemia que os socialistas levan reclamando pola vía formal dende o 21 de agosto e a día de hoxe non enviaron.