Julio Torrado acusa á Consellería do Mar de escudarse en problemas administrativos e recorda que “detrás dos papeis hai xente que se non pode traballar necesita as axudas”
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe ao goberno galego que resolva inmediatamente as solicitudes de axudas por causa do paro do libre marisqueo decretado pola Xunta de Galicia hai xa nove meses, sendo rexeitada a súa iniciativa polos votos en contra do grupo popular.
Na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia celebrada este martes, o representante socialista lembrou que a administración galega abriu a liña de axudas catro meses despois do paro, e un mes antes das eleccións municipais, “como se os afectados tivesen a posibilidade de esperar tanto tempo sen axudas económicas de ningún tipo”. O deputado destacou que “non se trata de contestarlle ao Partido Socialista se non de resolver o problema” xa que nove meses sen compensar aos afectados “é unha demora inxustificable”.
Explicou que a Xunta decretou o paro en xaneiro, pero ata abril non emitiron a orde que o regulaba, “tres longos meses nos que o marisqueo viviu nunha incerteza”. Tras ser publicadas, semanas antes das eleccións municipais, o sector tivo de marxe ata o 2 de xullo para solicitar e presentar toda a documentación, “e dende entón que volveu a desaparecer a información e non existe concreción nin ningún dato sobre o que vai suceder, nin cando”, concluíu Torrado.
Por elo, na súa iniciativa buscaba instar ao executivo autonómico para que resolvera de forma inmediata as demandas dos solicitantes destas axudas e efectúe os pagos, así como unha compensación das perdas económicas derivadas da “inxustificada demora” nestes pagos.
Reprochou ante as respostas por parte do goberno galego nas que alegaban problemas administrativos ou erros dos solicitantes que “detrás dos papeis hai xente que se non pode traballar necesita as axudas”. O executivo galego sinalou que as axudas están resoltas ao ser aceptadas administrativamente, polo que Torrado entende que están pedindo á xente que “faga un acto de fe” que consiste en “pasar nove meses pensando que che van a dar unha axuda que non chega”.
O representante socialista quixo denunciar o “desapego da realidade” do goberno galego, que pide non falar da problemática do marisqueo para evadir as solucións necesarias e non asumir o problema. Acusou á Xunta de darlle máis valor á pelexa polo relato parlamentario que a produción marisqueira, algo que considera “non debería ser así”. “Decretar un paro pola imposibilidade de extracción recoñece un problema que a Xunta nega”, concluíu.
Lembrou ademais que a administración “tras dicir que foi culpa de que non había informes suficientes” e que os solicitantes cometeran erros, agora a Consellería afirma que as solicitudes están resoltas dende finais de agosto, pero a realidade é que “non se sabe nada diso e non se cobraron aínda. O deputado emprazou á Xunta a “traballar algo máis que o xastre de Tarzán”.
Apuntou que a Xunta, quen é a responsable de decretar o paro, de convocar as axudas e de resolvelas, está a provocar unha enorme inseguridade no sector que, ao problema da perda de produción das rías sobre a que o goberno galego non actúa decididamente, ten que sumar a letanía dos procedementos e a demora inxustificada.
Caída da produción
Pola súa banda, sinalou que o grave problema do sector marisqueiro de Galicia está na evidente caída de produción dos últimos anos e merece unha “intervención clara e con decisión de calado” sobre a situación das rías. Insistiu en que esta difícil situación para os mariscadores precisa visión e claridade por parte do organismo máximo responsable como é o goberno de Galicia.
Torrado sinalou que unha das graves consecuencias que trae a perda de produción nótase claramente nas épocas de libre marisqueo, onde a cantidade de produto está a ser cada vez menor e atópanse escenarios que precisan de peches anticipados e de necesidades de vedas para buscar a rexeneración, e por este motivo tivo que decretarse o paro da actividade extractiva.