O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, cualificou hoxe de “despropósito” e “piltrafa” o Plan Forestal do goberno galego, que comezou o seu debate no Pleno do Parlamento de hoxe e que rematará mañá coa votación das propostas de resolución. Seco advertiu que o documento está feito á medida de “certos intereses económicos do sector” e provoca o “caos, abandono e perda de valor” do monte galego.
Martín Seco criticou sinaladamente o nulo rigor técnico dun documento preparado para “colmar os intereses de quen intenta acudir ás axudas do Plan de Desenvolvemento Rexional”, sen informar e consultar ao sector agrogandeiro. Este “desastre de documento”, explicou, contén erros de vulto, como carecer de diagnose ou mesmo incorporar dous horizontes temporais distintos, prevendo unha revisión ata 2030 e un modelo de monte ata 2040.
Abundou no “desastre” dun texto que inclúe distintas denominacións e estrutura para falar dos mesmos obxectivos estratéxicos”, mentres prevé que a superficie dedicada ao eucalipto aumente un 3 por cento no primeiro quinquenio e diminúa un 5 por cento no cuarto quinquenio. Ao mesmo tempo prevén intensificar o monocultivo “coincidindo cos plans estratéxicos de empresas dedicadas á pasta de papel, que queren incrementar o volume nas zonas próximas ás fábricas”.
Con relación aos piñeiros, explicou, buscan incrementar entre 15 e 20.000 hectáreas sen establecer en que montes e como o faran cando levan anos, primando o abandono de dita especie, e no caso das frondosas caducifolias establecen valores medios para xustificar zonas de monocultivo de eucalipto e outras só frondosas “sen ningún tipo de valor e rendemento económico para os propietarios”.
Advertiu ademais a falla de rigor do plan de gasto que incorpora este documento, limitado tan só á “parte forestal da Consellería de Medio Rural”, que deixa sen explicar a distribución orzamentaria entre os eixos de actuación, “mesturando porcentaxes de superficies e porcentaxes de cartos con intervalos tan amplos que carecen de todo rigor”.
Retirar o documento
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “retiren este documento” para “volver ao proceso de consulta pública e facer un plan baseado na realidade, que teña en conta tódalas oportunidades e riscos que vai ter no futuro o sector, integrado no territorio, na sociedade e na economía do país”.
Reivindicou un plan “para tódolos propietarios de Galicia”, xa que “non defendemos oligopolios nin monocultivos, queremos un plan para todos, non só para que unhas comarcas poidan producir” e, dixo, “o camiño para conseguilo é a Lei e a planificación, fronte a un plan con “táboas cubertas ao chou” e pensado simplemente para respaldar aos solicitantes das axudas do PDR.