Elena Espinosa: “Esta non é só unha cuestión parlamentaria, senón de decencia e respecto polos cartos públicos”
O Grupo Socialista critica que o “paripé” dos populares só serviu para “alimentar as sospeitas” sobre a contratación da Xunta do PP
O Grupo Socialista denuncia a burla á cidadanía galega por parte do PP na Comisión de Investigación sobre o sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro e a adxudicación de contratos menores na pandemia a familiares e amigos de altos cargos do PP. Esta investigación, que debería ter como obxectivo clarificar as irregularidades detectadas, foi boicoteada sistematicamente polo Partido Popular, que empregou a maioría parlamentaria para vetar comparecencias, ocultar documentación, evitar calquera avance significativo e agora aprobar unhas conclusións “escandalosas”. Porén, o PSdeG presentou as súas propias conclusións para que a verdade saia á luz, que contaron co voto favorable do BNG.
“Non imos permitir que o PP manipule e oculte información para protexer as súas irregularidades. A cidadanía galega merece saber a verdade e desde o PSdeG faremos todo o posible para sacala á luz”, afirmou Elena Espinosa, viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista.
Na súa intervención, Espinosa sinalou que o informe do Consello de Contas, avalado polo seu presidente, Juan Carlos Aladro, deixou claro que o proceso de contratación do Hospital Álvaro Cunqueiro supuxo un sobrecuste de 470 millóns de euros. Este incremento resulta dunha falta de análise previa sólida, da opacidade no procedemento de adxudicación e de graves irregularidades na modificación da superficie hospitalaria e dos prazos concesionais. Malia estas evidencias, denunciou, “o PP centrouse en desviar a atención con intervencións superficiais e negouse a aclarar o porqué do cambio de modelo de financiamento decidido en 2009”.
Familiares do PP en contratos menores
Os socialistas sinalaron reiteradamente ao longo da Comisión a preocupante “coincidencia” de familiares de altos cargos do Partido Popular en empresas beneficiarias de contratos menores na Xunta. Casos como os de Micaela Núñez Feijóo, Paula Prado ou Joaquín Cuiña exemplifican unha dinámica que vai alén da casualidade. Porén, o PP obstaculizou calquera intento de investigar estas vinculacións, negando comparecencias clave e ocultando documentación esencial.
“A sombra de dúbida que o PP deixou sobre estes contratos menores é intolerable. Non estamos a falar de coincidencias, senón dun patrón de comportamento que debe ser investigado en profundidade”, subliñou Espinosa.
Manipulación descarada
Para a viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, o documento presentado polo PP na Comisión “é un exemplo de como manipular os feitos para ocultar a verdade. Non inclúe nin unha soa referencia ás comparecencias que destaparon as irregularidades do proceso de construción do hospital nin aborda a cuestión dos contratos menores. Esta estratexia de encubrimento e opacidade demostra a absoluta falta de vontade política do PP para esclarecer os feitos”.
Conclusións dos socialistas
Por iso, explicou a deputada socialista, “propoñemos a creación dunha nova Comisión de Investigación cun formato máis interactivo e cunha maioría cualificada para garantir o acceso á documentación e a participación das persoas implicadas. Ademais, non descartamos explorar vías xudiciais se o Parlamento non asume a súa responsabilidade”.
Insistiu na esixencia dun compromiso claro coas galegas e galegos porque “esta non é só unha cuestión parlamentaria, senón unha cuestión de decencia e de respecto polos cartos públicos”.
Espinosa concluiu sinalando que a cidadanía galega merece saber a verdade sobre o malgasto dos recursos públicos e as irregularidades na adxudicación de contratos: “Seguiremos traballando para que a transparencia e a rendición de contas prevalezan por riba da opacidade e a corrupción institucionalizadas polo Partido Popular”.