A deputada do PSdeG Patricia Otero defendeu no Congreso que todas as persoas, “independentemente da zona onde vivan, poidan ter acceso a esas conexións” tras o apagamento das redes de cobre
Asegurou na Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital que os investimentos do Goberno xa permitiron a chegada de Internet de alta velocidade a máis de 236.000 fogares “antes de que remate este ano”
A deputada socialista Patricia Otero defendeu hoxe no Congreso a extensión da fibra óptica ao rural galego para que todas as persoas, “independentemente da zona onde vivan, poidan ter acceso a esas conexións” nun momento de modernización da rede no que se están a abandoar as liñas de cobre. Nunha intervención na Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital, a palamentaria do PSdeG valorou “o tremendo esforzo” do Goberno central para levar a Internet de alta velocidade “ata o último recuncho dos concellos de Galicia”.
Así, sinalou que os investimentos que puxo enriba da mesa o Executivo socialista serviron para dar cobertura “a máis de 236.000 fogares e empresas antes de que remate este ano”. Como exemplo, indicou que no concello con maior extensión na comunidade autónoma, A Fonsagrada, só se detectaron problemas en 3 dos 290 núcleos de poboación que o integran, nun territorio de 438 quilómetros cadrados. Con todo, afirmou que é necesario seguir traballando “para corrixir calquera deficiencia”.
Otero mostrou a vontade dos socialistas de acadar unha postura común co resto de grupos parlamentarios no tocante ao despregamento da fibra no ámbito rural, acordo que se materializou na votación dunha emenda transaccional a unha proposición non de lei do Grupo Mixto, que acadou o apoio de 33 dos 3 membros da comisión.
O texto definitivo inclúe a axilización do despregamento da nova rede nos municipios máis rurais, ante o fin do período de servizo das antigas liñas de cobre para a telefonía e a ADSL. Tamén contempla que se coordine coas operadoras —que son as responsables de prestar o servizo— e as administracións implicadas o proceso de extensión da fibra óptica no rural galego. Por último, acordouse instar ao Goberno a poñer en marcha unha campaña informativa “sobre o apagamento da era do cobre” e habilitar un mecanismo de reclamacións para os posibles afectados e afectadas.