A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, sinalou hoxe o tratamento “desafortunado” dos asasinatos machistas de Valga por parte da CRTVG. A responsable socialista presentou no Pleno do Parlamento unha pregunta oral á Xunta polo incumprimento dos protocolos establecidos no convenio de autorregulación do ente asinado en 2015, que esixe “corrección e exemplaridade”.
Pierres advertiu que “de nada serve plasmar boas intencións nos papeis, asinar convenios ou redactar leis se non hai vixilancia nin exemplaridade no seu cumprimento”. Así sucedeu ao tratar o caso de Valga, explicou, como un suceso convencional, omitindo o teléfono de denuncia de violencia machista, utilizar unha linguaxe que normalizaba a violencia, ofrecendo detalles morbosos irrelevantes, como un corpo cuberto ou referencias ao lugar da autopsia.
A responsable socialista criticou a falla de vixilancia por parte do goberno galego diante do tratamento destas situacións “priorizando o morbo por riba da información”, mesmo chegando a ofrecer unha entrevista á irmá do asasino antes da chegada dos profesionais do grupo de intervención psicolóxica.
Sinalou a “importancia de que todos e todas nos impliquemos na erradicación da violencia machista”, tal e como sinala a propia Lei de Igualdade, e realizou un chamamento á responsabilidade e boas prácticas por parte dos medios de comunicación.
Pierres advertiu do tratamento reiterado de forma inadecuada destes casos por parte da CRTVG, como sucedeu esta mesma fin de semana, reflectindo un caso de violencia machista en Alemaña “xustificando o asasinato apelando aos celos como causa”. Episodios, dixo “tan nefastos como foi a publicidade do programa Land Rover sinalando que era mellor que pegarlle a unha vella”, ironizando sobre a violencia machista e “ofrecendo unha imaxe desfasada da muller”.
A parlamentaria socialista reivindicou un plan de formación continua para o tratamento dos casos de violencia machista nos medios públicos de comunicación, reciclando a formación dos profesionais para “só así conseguir a excelencia e pluralidade que se agarda da CRTVG”.