Paloma Castro presentou esta proposición ante o repunte da sinistralidade nesta vía e nun dos concellos galegos cun dos índices de accidentes máis altos de Galicia
A Comisión de Ordenación Territorial e de Obras Públicas do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, por unanimidade, unha proposición non de lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que leve a cabo o proxecto de senda peonil e de mellora da seguridade viaria na PO-308 ao seu paso polo municipio de Poio.
Nomeadamente, a deputada do PSdeG Paloma Castro demandaba actuacións este mesmo ano nos tramos Fontenla-Combarro e Combarro-Chancelas co fin de evitar que se siga a incrementar o índice de sinistralidade no municipio e que xa é un dos máis altos de Galicia.
Na súa intervención, recollendo as preocupacións da veciñanza da zona, Castro lembrou a necesidade de que se actúe inmediatamente neste vía, tal e como se comprometeu o goberno galego hai uns meses no Parlamento. Nesta liña, lembrou que Poio é un dos concellos cun maior índice de accidentes de circulación, e que pechou 2021 cun repunte na sinistralidade das súas estradas.
De feito, os accidentes aumentaron arredor dun 12 por cento o pasado ano. En concreto, 199 foron con danos e, destes, a maioría rexistráronse na Avenida da Barca, a Avenida da Porteliña, a Avenida de San Xoán e a Avenida da Cruz, en Combarro. Todos eles son tramos polos que transcorre a PO-308.
Ao mesmo tempo, alertou de que tamén aumentou notablemente o número de feridos, pasando de 38 en 2019, a 39 en 2020 e a 60 en 2021. “Estas cifras”, salientou, “supoñen o peor rexistro a nivel sinistralidade en Poio dos últimos 5 anos”.
Neste contexto, Paloma Castro lembrou que no mes de maio do pasado ano, o PSdeG xa se interesou no Parlamento pola situación desta vía e solicitou actuacións para mellorar a seguridade viaria. Daquela, o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas falou “do incrible cambio que sufrira esta estrada nos últimos anos” cun investimento de 15 millóns de euros e actuacións nesta estrada ao seu paso pola Lanzada, Areas e Sanxenxo.
Curiosamente, todas estas melloras foron no termo municipal de Sanxenxo, gobernado polo PP. Porén, na parte de Poio, gobernado polo BNG e o PSOE, só se investiron 2 millóns de euros, o que evidencia unha notoria “discriminación”. Para Paloma Castro, “con isto queda reflectido o caciquismo deste goberno, e como focaliza os investimentos de acordo aos intereses do PP”.
A maiores incidiu en que, segundo a conselleira de Infraestruturas, estas melloras na seguridade viaria eran unha prioridade en 2018 e, segundo o director xeral de Axencia Galega de Infraestruturas, xa eran inminentes hai 9 meses. Con todo, Paloma Castro advertiu que a día de hoxe so se iniciaron as expropiacións para o tramo Fontenla-Combarro, pero non se fixo nada para o tramo Combarro-Chancelas, “e iso que en maio tamén se asegurou que as dúas obras serían simultáneas”.
Así, Paloma Castro xustificou a presentación desta proposta para “evitar que continúen vostedes coa dinámica de actuar nun pequeno treito de 2 ou 3 quilómetros cada 4 anos, coincidindo cos mandatos electorais, para ter algo que venderlle á veciñanza”. “Se seguen botando cálculos así”, ironizou, “en 4 mandatos teremos acondicionada esta estrada”.