Pablo Arangüena alerta da “falla de planificación, impulso e coordinación” por parte da Xunta dos fondos de Recuperación que chegan a Galicia
A Comisión Institucional do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que remita un informe sobre o traballo despregado pola Comisión para a Planificación e Impulso de proxectos que aspiran a fondos Next Generation EU. O portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, presentou esta iniciativa logo do informe do Consello de Contas alertando de que o órgano “non funciona nin cumpre coas súas funcións”.
O parlamentario socialista alertou de que o goberno galego “carece de planificación, impulso e coordinación de fondos” logo de que o Consello de Contas constatara no seu informe do pasado mes de abril do “baleirado de funcións” deste órgano. O ente fiscalizador foi incapaz, sinala, de acadar as actas das reunións da Comisión de Planificación, nunha demostración da falla de transparencia que exerce o goberno galego.
Arangüena lembrou que este órgano tiña encomendado propor plans susceptibles de ser financiados polos fondos de Recuperación, emitir informes sobre a declaración de proxectos tractores que poidan obter financiamento, analizalos, levar o seguimento da execución dos plans e proxectos aprobados en Galicia, e aprobar documentos de harmonización das bases de subvencións.
Sen embargo, de acordo co Consello de Contas, o goberno galego só puido acreditar que a Comisión cumprira coa “función burocrática” de aprobar os documentos de harmonización, deixando de lado a coordinación e xestión dos proxectos que puideran optar aos fondos europeos. Criticou que de acordo co ente fiscalizador, o órgano encargado de planificar os proxectos “non funciona, non cumpre as súas funcións nin fai o que a Lei di que ten que facer”.
O Parlamento reclámalle agora á Xunta que entregue na Cámara as actas que non lle entregou ao Consello de Contas, así como o rexistro das xuntanzas, os temas que trataron, os documentos que xustifiquen as súas actuacións e o Plan de Traballo da Comisión “no caso de existiren”.
Arangüena lembroulle ao PP e ao goberno galego que “non chega con votar e aprobar” as iniciativas, senón que “hai que entregar a documentación que pedimos”. Criticou que “incumpren como piratas”, xa que esta mesma Comisión ten aprobado varias iniciativas presentadas por el mesmo para reclamarlle á Xunta que entregue os contratos co grupo Eulen ou os que teñen asinado coa empresa do xornalista Negre para a promoción do Xacobeo.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a que remita ao Parlamento un informe exhaustivo sobre os traballos realizados pola ‘Comisión para a Planificación e Impulso de Proxectos a financiar polo instrumento Next Generation EU’ prevista na Lei de simplificación administrativa a poio á reactivación económica de Galicia, que inclúa: