Julio Abalde esíxelle ao goberno galego que “tomen en serio” a chegada desta especie ás costas galegas e “por unha vez actúen de modo preventivo” e exerzan as súas competencias
A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade a proposta do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que poña en marcha unha estratexia de loita contra a invasión da alga asiática. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, esixiulle ao goberno galego que “tomen en serio” esta especie e “por unha vez actúen de modo preventivo” e exerzan as súas competencias.
A iniciativa aprobada hoxe urxe á Xunta a constituír un grupo de traballo no que estean representados a Fegamp e o sector pesqueiro e que dean conta á Cámara autonómica das súas actuacións. O parlamentario socialista lembrou que o Ministerio de Transición Ecolóxica ten fixada unha estratexia marco dende o ano 2022, e agora o goberno galego debe exercer as súas competencias propias para adecuar a súa actuación ás características da costa galega.
Urxiu ao goberno galego que tome medidas para afrontar os prexuízos económicos provocados na pesca artesanal, de baixura e marisqueiro pola diminución de capturas causadas pola invasión da alga e o incremento de custes da xestión da retirada das algas depositadas nas praias dos concellos das zonas turísticas.
En definitiva, o parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego unha estratexia propia de loita contra a invasión da alga asiática, deseñando as directrices de xestión, control e posible erradicación da especie. Reclámalle que incorpore procura de información para a xestión da especie e plans de investigación que permitan a redución do seu impacto e posibles usos ou valoración comercial da biomasa de alga recollida.
Abalde alertou do grave impacto ambiental que provoca esta especie invasora, que xa foi detectada polos investigadores das universidades galegas tanto na zona das Illas Cíes como nas costas da Coruña. Critica que o goberno galego non tivera despregado ata o momento “ningunha avaliación dos posibles impactos ecolóxicos e socio económicos” desta especie.
Advirte que a alga asiática, catalogada dende o ano 2020 como especie invasora, está a provocar un grave impacto ambiental nos ecosistemas mariños, ata o punto de que os científicos afirman que non existe outro caso de bioinvasión tan rápida e extensiva, cun impacto directo sobre moitas especies.
Alerta que só no mes de marzo o Concello de Benalmádena retirou 70 toneladas de algas asiáticas das praias, mentres o Concello de Marbella retira ao día preto de 75 toneladas de algas invasoras amontonadas nas praias do municipio, e a xestión custou a lo menos 1,2 millóns de euros en nove meses.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
– Implementar as competencias que lle asigna a ‘Estratexia de control del alga Rugulopteryx okamurae en España’ aprobada o 28.07.2022 en Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, para loitar contra a invasión da alga asiática, tendo en conta a natureza e intensidade dos impactos ecolóxicos e socio económicos que produce sobre o litoral, a través dun grupo de traballo onde que estean representados a Fegamp e o sector pesqueiro e que se informe ao Parlamento de Galicia”.