Paloma Castro acusa ao goberno galego de discriminar aos alumnos e alumnas do Concello, aos que obriga a desprazarse ata Vilagarcía, Santiago ou Vigo para matricularse nesta especialidade
A Comisión de Educación do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle ao goberno galego que escoite á comunidade educativa de Valga, que leva “anos” pedindo a incorporación do Bacharelato Artístico ao IES do Concello. Castro presentou esta demanda a través dunha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento que foi aprobada por unanimidade.
Castro advertiu que o goberno galego está a provocar “unha gran discriminación” dos nenos e nenas do Concello, que teñen que desprazarse ata Vilagarcía, Santiago ou Vigo para matricularse nesta especialidade. Ademais supón, dixo, un “ataque frontal contra un interese cultural vencellado a un territorio” de ampla tradición cultural, e sinaladamente musical, ata o punto de que conta co terceiro dos centros superiores de música de Galicia dende o ano 2019.
A responsable socialista advirte que “non tería sentido” que a Consellería de Educación non escoitara á comunidade educativa nin á banda de música, que levan anos pedindo esta especialidade, pero “despois subvencione unha Escola Superior de Música privada no mesmo Concello. Sinalou que con esta xestión están a obrigar aos nenos e nenas a interromper os estudos musicais no concello durante o Bacharelato “para despois volver se queren continuar cos estudos superiores”.
Acusou ao PP e ao goberno galego de “quebrar á forte comunidade formada arredor da educación musical” neste concello, dando unha nova mostra da súa xestión de costas ás necesidades reais da cidadanía, e de que a aposta polo rural do goberno galego é “unha falacia, frases baleiras”. Explicou que co ensino musical sucede “o mesmo” que no pasado curso coa perda do ciclo de FP de Grao Medio Dual de Mecanizado nunha localidade con alta presenza da industria do metal.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a, unha vez presentada a solicitude para incorporar o Bacharelato artístico ao IES de Valga para o vindeiro curso 2025-26, tome en consideración a petición do equipo directivo, e ofreza unha resposta e valoración da petición para coñecer a situación e as posibilidades”.