Noa Díaz alerta de que a marcha do despacho farmacéutico deixaría desatendidos a preto de 6.000 veciños e veciñas
A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que non autorice o traslado da farmacia de Marrozos ao Castiñeiriño. A parlamentaria socialista Noa Díaz alertou do prexuízo que suporía este traslado, pendente de resolución da Consellería de Sanidade, para 6.000 veciños e veciñas.
A responsable socialista sinalou a súa “intranquilidade” logo de que a portavoz do PP, malia que apoiaran o acordo de hoxe, advertira fronte a unha suposta “intromisión nun procedemento administrativo”. Díaz negou a dita intromisión e fixou o foco na “advertencia” do PP que, engadiu, “non vaia ser” que estea apoiando a iniciativa para “lavar a cara” porque “xa coñeza a decisión e que o traslado se autorice”.
Noa Díaz advertiu de que o traslado do actual emprazamento en Marrozos ata unha nave industrial do Outeiro do Castiñeiriño, solicitada en decembro polo novo propietario da farmacia, debera ser rexeitada segundo a Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia. A norma sinala como que non se poderán mover as oficinas autorizadas conforme a unha delimitación concreta, así como aquelas que supoñan un detrimento grave no servizo farmacéutico.
En primeiro lugar, lembrou que a licencia desta farmacia foi concedida en maio de 1957 expresamente para a localización que ocupa actualmente. Ademais, coa súa desaparición deixaría de atender a preto de 6.000 veciños e veciñas de Marrozos, Eixo e Aríns en Compostela, San Breixo de Sergude en Boqueixón e de San Xián de Sales e San Fins de Sales en Vedra, ademais dos peregrinos que transcorren polo seu emprazamento.
Noa Díaz sinalou que esta mesma iniciativa foi aprobada no Pleno do Concello de Santiago tamén da man do PSdeG, que lembrou a denuncia da Asociación veciñal Francisco García Beiro de Marrozos fronte a unha petición que obrigaría á poboación a desprazarse quilómetros para ter acceso ao servizo farmacéutico. Subliña que este é o único despacho farmacéutico de A Susana – Marrozos, mentres que no novo emprazamento, entre O Castiñeiriño e Cacheiras, existen xa outras cinco oficinas de farmacia.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 41 da Lei 3/2019, de 2 de xullo, a non autorizar o cambio de emprazamento da farmacia de Marrozos coa fin de non prexudicar gravemente o servizo farmacéutico nesa zona”.