Leticia Gallego censura a “deixadez” da Axencia Galega de Turismo e “a falla de consenso” da Xunta ao “non escoitar aos concellos”
O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a iniciativa socialista para “abrir un proceso de diálogo” co concellos e deputacións para “estudar e redefinir” posibles cambios no mapa actual de xeodestinos. A proposición non de lei presentada pola voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, foi aprobada por unanimidade polos grupos da Cámara, logo dunha transacción no texto co PP.
Gallego criticou a “deixadez total” da Axencia de Turismo de Galicia con respecto ao mapa de xeodestinos de Galicia. Así, lamentou a “falla de planificación e diálogo” cando existen conflitos cos concellos, “que non son escoitados polo goberno galego” á hora de elaborar o mapa.
Así, Gallego lamentou a “confusión xerada pola Xunta” en torno ao concepto de xeodestino, o que “resta eficacia á hora de converterse nun instrumento impulsor” do turismo e “resulta especialmente grave” no marco da pandemia, cando o turismo “precisa claridade e políticas de estímulo para sobrepoñerse aos efectos da covid”.
Así, instou á Xunta a “abrir un proceso de diálogo” cos concellos e deputacións para “estudar e redefinir” posibles cambios no mapa actual de xeodestinos. Deste xeito, “logo de ser escoitadas as suxestións dos municipios e feitos os cambios oportunos”, estes “deberían adquirir un verdadeiro carácter oficial coa súa publicación no DOG”.
Nesta liña, tamén esixiu que o goberno galego desenvolva o marco normativo e defina con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como a definición dos seus órganos xestores, funcións, competencias e mecanismos de modificación.