Noelia Otero salienta a labor da emisora candidata a formar parte do rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco
A Comisión de Educación do Parlamento vén de aprobar hoxe a proposta socialista para pedirlle á Xunta que organice unha campaña pública de difusión do modelo da emisora Ponte… Nas Ondas!. A portavoz de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, presentou esta iniciativa para respaldar á emisora candidata a formar parte do rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
Otero salientou o traballo realizado por esta emisora, que naceu hai máis de 25 anos nas escolas de Salvaterra de Miño e Monçâo, que combina a radio, a educación e a posta en valor do patrimonio cultural aos dous lados da raia. Esta iniciativa permitiu a implicación dos mozos e mozas nas súas propias tradicións e crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial, como sinalan os propios examinadores da Unesco.
A candidatura, unha das catro únicas en todo o mundo que aspiran a obter o dito recoñecemento e a primeira en Galicia, vén de superar o último trámite previo á súa inscrición, xa que o órgano de avaliación vén de emitir informe favorable e recomenda o rexistro da proposta. A parlamentaria socialista explicou que neste momento “só estamos pendentes” da celebración do 17 Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro.
Noelia Otero apuntou que “ademais de apoiar á candidatura con recursos e unha campaña concreta, o goberno galego ten que liderar a difusión deste proxecto e deste modelo entre toda a poboación”, especialmente porque “estamos promocionando a importancia do patrimonio inmaterial, da cultura e da identidade entre os e as máis novas”.
Os propios examinadores da Unesco teñen apuntado que “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural é unha fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos os dous lados da fronteira, que “fomenta a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países” e apuntan que o modelo é exportable a nivel internacional.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a apoiar unha campaña pública de difusión do modelo Ponte… Nas Ondas!, de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial, ademais de realizar unha campaña de difusión pública para dar a coñecer o modelo, no caso de que saia adiante a proposta da candidatura”.