A Comisión de Obras Públicas do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade a proposta socialista para mellorar a seguridade na estrada autonómica LU-636. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, presentou esta iniciativa para mellorar as fallas e a sinalización da estrada de 30 quilómetros que une Sarria e Becerreá.
O Grupo Popular votou afirmativamente a proposta do deputado socialista recoñecendo o mal estado do tramo en cuestión e tras un debate na deputación de Lugo no que tamén se aprobou a toma de medidas nesta estrada, que é “o acceso natural á autovía A-6 de gran parte dos veciños e veciñas da Comarca de Sarria”.
A proposta do deputado socialista destacou o carácter “urxente” da toma de medidas neste tramo entre as que destacan o aumento do ancho da calzada, a construción de cunetas e sumidoiros e a mellora da sinalización horizontal e vertical e a adopción de medidas de seguridade viaria modernas.
Álvarez Martínez enumerou as numerosas fallas presentes entre as que destacan “un ancho de calzada insuficiente a partir do quilómetro 16 en Láncara, a ausencia de barreiras de protección e un estado de conservación mellorable”. O deputado destacou a especial precariedade do último tramo de estrada encargado de unir a parroquia de Sarria e Becerreá.
O deputado socialista advertiu da grave perigo que supón para os condutores o actual estado da estrada sen esquecer o agravante que supoñen os factores meteorolóxicos como pode ser a choiva que afectan ao firme da estrada que se volve “especialmente esvaradío” co risco que isto supón.
Álvarez Martínez lembrou a existencia do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 que ten como obxectivo estratéxico “a existencia de vías de tránsito e mobilidade máis seguras” e que ampara a toma de accións de cara a asegurar dito obxectivo.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a levar a cabo as melloras necesarias na estrada autonómica LU-636 que une Sarria con Becerreá, incluíndo as obras e posterior sinalización, para garantir a seguridade neste tramo”.