Julio Torrado subliña o “cambio de opinión” do PP e advirte “que non sexa para deixar tirada á xente e dicirlles que van tardar outros 13 anos en estudar o convenio”
A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que incorpore a figura do óptico e optometrista no Sergas de forma progresiva. O portavoz de Sanidade, Julio Torrado, presentou esta proposta que tamén pide recuperar o convenio “Ollo cos ollos” que fora asinado en 2007 e volver integrar á maioría das ópticas no sistema sanitario público.
O responsable socialista salientou o “cambio de opinión” do PP, que en outubro de 2021 votara en contra dunha iniciativa semellante, e esixiulles que “non sexa para deixar tirada á xente e dicirlles que van tardar outros 13 anos en estudalo”. Torrado aludiu ao anterior convenio asinado en 2007 co goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, polo que as ópticas aceptaban avaliar a pacientes enviados dende os centros de saúde co compromiso de ser integrados no Sergas.
Aquel convenio tiña o compromiso de ser actualizado para avanzar na integración destes profesionais no sistema público ata a chegada de Feijóo e do PP en 2009, cando mudaron de criterio e dixeron que “non lles ían pagar, nada de beneficialos despois e, en suma, que traballaran o para o inglés”. Diante desta posición “certamente deshonesta”, e logo de 11 anos presentando queixas, o Colexio decide romper co convenio en 2020 “porque o Sergas non quería escoitar”.
A partir de aí as máis de 600 ópticas que realizaban avaliacións gratuítas a petición do Sergas quedan reducidas a apenas un terzo, limitándose ás grandes sinaturas con franquiciados que obrigan a adherirse ao sistema. Criticou a “cerrazón do Sergas, que non quere facer nada que non sexa que traballen gratis para eles”, aínda que as clínicas teñan que asumir os custes de material das avaliacións e o tempo que teñen que manter o local pechado mentres fan este traballo cando só hai un profesional no momento.
Torrado reclamou mudar esta situación para que os cidadáns poidan dispor destes establecementos ao seu dispor a cambio dunha bonificación por parte do Sergas para cubrir o material e o tempo invertido. Ademais pide estudar a progresiva incorporación destes profesionais ao Sergas, xa que se trata de profesionais cunha importancia “tremenda e vital” no que ten que ver coa saúde visual, ademais de que “desafogan traballo no Sergas”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a: