Leticia Gallego esixiu un “novo e ambicioso” plan galego de I+D+i cunha “maior dotación orzamentaria” para situar a Galicia na media española
O Parlamento aprobou hoxe a proposta socialista para duplicar o investimento en I+D+i. A portavoz de área do Grupo Socialista, Leticia Gallego, aplaudiu o acordo que inclúe pedirlle á Xunta un “novo e ambicioso” plan galego de I+D+i cunha “maior dotación orzamentaria” que sitúe a Galicia na media española.
Gallego instou a incrementar a porcentaxe de inversión nesta área “a fin de pasar do 0,9% actual ata o 1.5% do PIB nos vindeiros dous orzamentos”. A responsable socialista propuxo empregar parte dos fondos de reconstrución a “proxectos ligados á transformación dixital e tecnolóxica da nosa economía e proxectos tractores para activar o cambio do modelo produtivo”, xa que “irremediablemente, a aposta pola I+D+i será a aposta polo futuro do país”.
A socialista incidiu en que “só aumenta a inversión privada en I+D+i cando previamente aumenta de forma sostida no tempo a inversión pública”. Por iso, urxiu a pór en marcha “mecanismos que incentiven a participación privada no sistema xeral de innovación, de xeito que se avance cara a alcanzar esa cifra do 1,5% do Produto Interior Bruto”.
“Despois de tres lexislaturas deste goberno do PP, ten habido tempo máis que suficiente para darse de conta do erro económico e social que ten suposto non apostar polo I+D+i”, aseverou. Así, subliñou que “Galicia non debe nin pode quedar atrás”.
Doutra banda, Gallego lamentou que o Plan Galicia Innova 2020 da Xunta ademais de “resultar insuficiente e carecer de contido á altura dos retos” do sector ante a pandemia da covid, “non cumpe os obxectivos”. Así, tamén instou á Xunta a establecer “unha política industrial realista e con visión de futuro”, que permita que Galicia teña “a oportunidade de gañar o seu futuro no escenario da Industria 4.0”.
Por último, a responsable socialista propuxo reducir as cargas burocráticas “que lastran a realización de proxectos de investigación”; incrementar o número de contratos predoutorais e posdoutorais; e “dotar de estabilidade” á carreira investigadora.