Patricia Otero esíxelle á Xunta que sexa proactiva fronte a esta nova ameaza que afecta fundamentalmente á flota de palangre de superficie de Vigo, A Guarda, Marín e Burela
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe a proposta socialista para reclamarlle á Xunta unha “actitude proactiva” para reverter a restrición á pesca de quenlla, que prexudica á flota palangreira de superficie de Vigo, A Guarda, Marín e Burela. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, presentou esta iniciativa diante da votación no Pleno do Parlamento Europeo para incluír este escualo no listado de especies ameazadas Cites.
Otero advertiu que esta decisión, por iniciativa de Panamá e en contra de criterios científicos, do sector pesqueiro e do goberno de España, suporía entre outras cousas esixir un certificado para a súa comercialización, “con todos os problemas e cargas burocráticas que supón”. Advirte que o argumento para incluír á quenlla ou tintoreira neste listado parte dun “suposto parecido” con outras especies de escualos que si que poderían están ameazadas.
A responsable socialista instou ao goberno galego a integrar unha “fronte común para apoiar ao noso sector deste novo ataque”, perpetrado a través dunha decisión proposta outra vez “de xeito unilateral, sen ter en conta ao sector, aos estados membros e aos informes científicos”. Lembra que a quenlla é capturada en alta mar, en pesquerías controladas, e por unha flota palangreira que cumpre escrupulosamente cos requisitos de pesca sostible e respectuosa co medio.
Panamá
Amosou a súa sorpresa polo seguidismo amosado pola UE dunha proposta procedente de Panamá, un país “que non se caracteriza precisamente por ser referente da pesca legal e regulamentada”, pero que quere incluír á quenlla no apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres -CITES-. Esta especie, lembra, non está nin sobreexplotada nin e risco.
O dito apéndice recolle especies que non están necesariamente ameazadas de extinción, pero que poderían chegar a estalo se non se controla estritamente o seu comercio. Sen embargo, o argumento de Panamá é que a quenlla se parece a outras especies que si están ameazadas, malia que o ICCAT afirma que a súa inclusión non contribuirá á conservación das outras 19 especies de escualos en risco.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que demande aos grupos políticos do Parlamento Europeo que rexeiten, na votación do Pleno do Parlamento Europeo, a inclusión da quenlla no apéndice II CITES.
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do goberno español que reclame das autoridades internacionais e da Unión Europea o cumprimento do establecido na propia PPC e que calquera decisión sobre a inclusión da quenlla no Apéndice II de CITES se fundamente en informes científicos, na avaliación do impacto socioeconómico e na consulta ás partes interesadas”.