Luis Álvarez lamenta que o BNG lle dea as costas ao pobo ucraíno e rexeite as sancións ao réxime de Putin, así como os esforzos do goberno estatal, a Unión Europea e a OTAN para acabar coa guerra
O Parlamento deulle hoxe luz verde á proposición non de lei defendida polo Grupo Socialista para apoiar os esforzos que están a desenvolver o Goberno de España e a Unión Europea para reivindicar a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz en Ucraína tras a invasión militar por parte de Rusia. O acordo maioritario foi posible tras unha transacción co resto dos grupos parlamentarios á iniciativa do PSdeG.
Porén, o BNG rexeitou algúns dos puntos clave recollidos neste acordo. E iso malia que Luis Álvarez lembrou na súa intervención que a proposta do PSdeG “non vai contra o Bloque, senón que defende a Ucraína”. “Que vostedes teñan unha situación complicada neste tema é un problema seu, non de que quen defende a ese país”, zanxou. Por iso lamentou que o Bloque lle dea as costas ao pobo ucraíno e rexeite as sancións ao réxime de Putin, así como os esforzos do goberno estatal, a Unión Europea e a OTAN para acabar coa guerra.
Como evidencia desa “situación complicada”, o BNG negouse a apoiar de maneira explícita “os esforzos que están a desenvolver o Goberno de España e a Unión Europea, reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que compartimos con Europa”.
De igual xeito, votou en contra de expresar “o máis firme compromiso do Parlamento coa defensa dos principios da democracia, o estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da Unión Europea”. Neste mesmo punto tamén se pedía o apoio á labor que as Forzas Armadas españolas están a desenvolver “para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos”.
Asemade, os nacionalistas rexeitaron o apoio do Parlamento á Unión Europea “para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que se poña fin ao conflito ante estes feitos tan graves contrarios á paz e as liberdades e dereitos fundamentais dos cidadáns ucraínos”.
Malia o voto en contra do BNG, estes puntos saíron adiante co apoio do PSdeG e do Grupo Popular. Onde si se acadou unanimidade foi nos puntos relativos a unha declaración de “absoluta solidariedade co pobo ucraíno” e de “enérxica condena” á agresión de Putin, “rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirada”. Nesta liña incídese en que esta agresión “supón unha flagrante violación do Dereito Internacional e contra a soberanía e a integridade territorial de terceiros países”.
Tamén houbo apoio de todos os grupos á proposta para instar á Xunta de Galicia “a realizar todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos a fin de acoller a refuxiados provenientes do conflito de Ucraína, de formas coordinadas coas administracións estatal, autonómica e local”.
“SOLIDARIEDADE CON UCRAÍNA E CONTUNDENCIA CON RUSIA”
O acordo do Parlamento xorde a raíz dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG e defendida polo seu voceiro parlamentario Luís Álvarez, quen defendeu que “non se trata”, proclamou, “de apoiar ao goberno de España como Partido Socialista, senón de apoiar ao goberno do Estado como membro dunha Unión Europea democrática e que defende valores que están a ser atacados e postos en cuestión como consecuencia da invasión rusa de Ucraína”. Nesta liña sinalou que Europa “ten a obriga de reforzar militarmente a Ucraína en paralelo coa axuda humanitaria ao país e as sancións económicas a Rusia”.
“Solidariedade con Ucraína e contundencia con Rusia”, resumiu antes de reivindicar que os bombardeos, as matanzas e os crimes de guerra “non poden queda impunes” e de salientar que “a resposta á violación sistemática dos dereitos humanos deseñado por Putin debe nacer da unidade dos europeos”. Neste contexto, avogou por “reforzar política exterior de defensa da UE”.
“Fronte a ese ataque inxustificado”, Luis Álvarez salientou que “Europa ten que amosar a súa mellor versión de paz, xustiza social, liberdade, democracia e solidariedade”. “A esperanza de Ucraína está en Europa e a de Europa está en Ucraína e na defensa que están a facer dos valores de liberdade polas que millóns de europeos deron a súa vida hai sete décadas”, proclamou.
De maneira concreta, Luis Álvarez tamén puxo en valor o firme compromiso de España e das súas institucións no apoio a Ucraína, ao igual que o do conxunto da sociedade española, “que volveu dar exemplo de solidariedade”. “España”, dixo, “está totalmente comprometida” tras espertar “do espellismo de que estabamos libres de sufrir unha guerra”.
Por outra banda, na súa intervención, Luis Álvarez remarcou que “o PSdeG e o PSOE é contrario ás guerras”, sobre todo “cando son inxustas e ilegais”, como sucedeu en Irak ou agora en Ucraína. “A coherencia”, incidiu, “é a fonte de identidade e credibilidade, polo que nos opoñemos a calquera agresión imperialista, sen importar o imperio que a promova”.
Confrontou esta postura coa do BNG, a quen lle lembrou “a posición complicada” que manteñen neste asunto. “A nosa proposición”, dixo, “non vai contra o Bloque, senón que defende a Ucraína”. “Que vostedes teñan unha situación complicada neste tema é un problema seu, non de que quen defende a Ucraína”, zanxou.
Asemade, Luís Álvarez tamén lamentou a “lamentable intervención de Rueda na sesión de control ao presidente da Xunta” desvirtuando e minusvalorando a proposta socialista, “cando falamos dun problema moi serio que fai que Europa lembre os seus peores pesadelos”.
O ACORDO APROBADO HOXE NO PARLAMENTO
1º- Condenar enerxicamente a agresión de Rusia a Ucraína, rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirada. Esta agresión supón unha flagrante violación do Dereito Internacional e contra a soberanía e a integridade territorial de terceiros países e expresar a absoluta solidariedade co pobo ucraíno.
2º- Apoiar os esforzos que están a desenvolver o Goberno de España e a Unión Europea, reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que compartimos con Europa.
3º- Expresar o mais firme compromiso deste Parlamento coa defensa dos principios da democracia, o estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da Unión Europea. Así mesmo este Parlamento apoia a labor que as Forzas Armadas españolas están a desenvolver para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos.
4º- Amosar o apoio á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que se poña fin ao conflito ante estes feitos tan graves contrarios á paz e as liberdades e dereitos fundamentais dos cidadáns ucraínos.
5º-O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a realizar todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos a fin de acoller a refuxiados provenientes do conflito de Ucraína, de formas coordinadas coas administracións estatal, autonómica e local.