Patricia Iglesias, que defendeu a proposta en Comisión do Parlamento, censura a “desidia e incompetencia” da Xunta que leva adiando o proxecto dende o ano 2019
A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe a proposición non de Lei do PSdeG para reclamarlle á Xunta que poña en marcha “inmediatamente” o polo de emprendemento de I+D en enerxías renovables e almacenamento en Ferrol”. A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, lembrou que este proxecto ten “ADN netamente socialista” e foi defendido polo portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, o pasado mes de outubro na cidade.
Urxiu á Xunta a traballar por levar adiante este proxecto diante do risco de que “outra vez vaiamos perder o tren coa creación do HUB das renovables en Ferrol” simplemente porque se trata dunha “medida con ADN netamente socialista”. A responsable socialista lembrou que a propia conselleira de Industria “copiou” o anuncio no Pleno do 8 de novembro “logo da visita de Besteiro a finais de outubro a Ferrol para reiterar a nosa proposta”.
Iglesias reclamoulle ao goberno galego que se “deixen de anuncios e se poñan a traballar para que a creación do HUB sexa unha realidade en 2025”. Criticou a “desidia e incompetencia” do goberno galego con relación a este proxecto, que fora presentado polo daquela alcalde socialista de Ferrol, Ángel Mato, dende 2019, e que acadara o compromiso expreso de Feijóo como presidente da Xunta, que o aprobou no Consello de goberno en xaneiro de 2022.
Emprazou a aproveitar as condicións de Galicia, e sinaladamente de Ferrol, para aproveitar a vaga de investimentos ligados á transición ecolóxica, tanto en produción enerxía renovable como en novos vectores enerxéticos e industriais.
Lembrou que Ferrol é o punto máis axeitado para crear un Centro Tecnolóxico que investigue sobre enerxías mariñas e eólica offshore, xa que dispón do edificio do Centro de Investigación e Servizos da Cabana, conta cunha ampla liña de costa, infraestrutura de investigación consolidada e o know-how derivado de anos de desenvolvemento nas factorías de Fene e Ferrol, apoiado po unha rede sólida de empresas auxiliares.
Salientou ademais que este proxecto podería beneficiarse do programa de Transición Xusta de España aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2022 e que inclúe 111 millóns de euros para Galicia precisamente para apoiar proxectos de apoio á descarbonización da industria e a creación dun polo de I+D en renovables mariñas e almacenamento.
Emprazou ao goberno galego a dar un golpe de timón na súa xestión desastrosa e falla de política industrial, que está a provocar un “caos no desenvolvemento da enerxía eólica” en Galicia e a caída da industria. Advertiu que a industria galega medra por debaixo da media estatal entre 2018 e 2022, os salarios no sector medraron a metade que no resto do Estado -un 5,2 por cento fronte ao 10,24 do Estado-, e o emprego industrial medra menos da metade -un 4,37 fronte ao 8,9-
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a iniciar inmediatamente a posta en marcha do polo de emprendemento de I+D en enerxías renovables e almacenamento en Ferrol, tal e como se tiña comprometido o ex presidente Feijóo”.