O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentado polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta un plan de acción global para a recollida e reciclaxe de residuos mariños. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentou esta iniciativa no Pleno do Parlamento coincidindo coa conmemoración, onte martes, do Día Mundial dos Océanos.
Castro cualificou o compromiso da Xunta co medio ambiente de “puro postureo”, logo de constatar que o Plan Mar Limpo 2016 – 2020 foi concibido “para salvar os mobles”, pola escasa ambición e unha actuación “moi limitada” con relación á dimensión do problema da contaminación mariña. A responsable socialista reclamou un compromiso real con orzamento concreto para superar “maquillaxes e lavados de cara” e financiar programas de recollida de lixo mariño no mar.
Reclamou tamén a instalación de estruturas axeitadas de almacenamentos de desfeitos a bordo, o financiamento dos custes de tratamento de residuos, investimentos nos portos para a recepción e almacenamento das artes de pesca perdidas e os desfeitos mariños recollidos, e programas de sensibilización. Ademais, propón realizar avaliacións anuais dos residuos recollidos como medida eficaz á hora de loitar contra a contaminación mariña.
A parlamentaria socialista criticou o desinterese do goberno galego en materia de medio ambiente, cunha Lei de residuos que foi aprobada en febreiro deste ano pero naceu xa extemporánea, redactada hai 3 anos sen adaptarse á directiva europea de residuos de 2019. A Lei chega sen incorporar as esixencias comunitarias para a xestión dos plásticos, un dos principais contaminantes dos mares, e que tampouco contempla realidades como a covid – 19 e os residuos que xera.
Castro alertou da “nefasta xestión das augas residuais”, cando o goberno galego segue sen aprobar o plan de rexeneración das rías galegas, logo da multa millonaria imposta pola UE a España en novembro de 2018 derivada da contaminación das rías galegas. É o caso tamén da Lei de Patrimonio Natural de Galicia de 2019, contraria á realidade galega “ao non incluír os ecosistemas mariños como espazos naturais protexidos”.
Acusou neste sentido ao goberno galego de ter agochado o informe da empresa Ence alertando do “incremento notable dos índices permitidos de nivel de mercurio na antiga contorna da empresa Elnosa, que está a ser desmantelada. Lembrou que a Xunta “non só agochou o informe durante meses, senón que non fixeron nada”.
Finalmente, lembrou que a Estratexia Galega de cambio climático e o Plan Rexional integrado 2019 – 2023 para a súa implementación dos que “alardea” Feijóo, en realidade “non contemplan unha soa liña de actuación relacionada coa conservación dos nosos ecosistemas mariños”.
Concluíu que “a situación é máis crítica do que parece” polo impacto dos residuos nos fondos mariños, polo que reclamou que Galicia “ten que poñerse na liña europea e doutras comunidades autónomas”. Sinalou que “dada a situación ambiental existente, o tempo esgótase e non podemos permitirnos máis maquillaxes nin lavados de cara, polo que necesitamos dun Plan global e dotado de recursos económicos suficientes”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a: