A Comisión de Economía do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle ao Estado que manteña as compensacións por coidado de fillos con cancro ou enfermidade grave logo de que cumpran os 18 anos. A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo salientou a sensibilidade amosada polo Executivo para levar adiante esta medida.
A responsable socialista sinalou que o acordo fai de hoxe un “día importante” para as familias que teñen que padecer esta situación, sinaladamente a de Lucas Morán, que fixo pública a situación deste rapaz, que padece unha miopatía severa cunha discapacidade física do 77 por cento. Ata agora, os pais puideron contar coa axuda recoñecida polo Estado, dedicando tempo ao coidado do fillo, que pode perder ao cumprir os 18 anos.
Salientou que a situación dos doentes “non mellora, senón que en moitos casos mesmo empeora” ao facerse maiores, obrigando ás familias a dedicar cada vez máis tempo ao seu coidado, renunciando aos ingresos por actividade laboral. Lembrou que o Real Decreto de axudas, aprobado en 2011 polo goberno de Zapatero e ampliado en 2019 polo goberno de Pedro Sánchez, garante unha compensación fundamental para que non perdan ingresos nin dereitos polo coidado.
Rodríguez Rumbo subliñou que “a política ten que ser útil para as persoas, e con estes acordos axudamos a ser útiles para as familias dos rapaces con cancro ou enfermidades graves, dando pasos adiante para acadar unha sociedade máis igualitaria e máis xusta”.
Logo das críticas vertidas hoxe polo Grupo do PP, a responsable socialista afeoulles a súa disposición a “instar ao Estado cando non gobernan, pero cando tiveron a oportunidade de gobernar durante 7 anos ininterrumpidos nin se dirixiron ao Estado nin aprobaron dereitos que si que avanzan cando hai un goberno socialista”, como é neste caso.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno de España co fin de promover a revisión das prestacións polo coidado de menores afectados por cáncer ou outra enfermidade grave recollidas no Real Decreto 1148/2011, de 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cáncer ou outra enfermidade grave, para que se modifique o artigo 7.3, eliminando o apartado d) Por cumprir o menor 18 anos e se analicen e valoren, no marco do Pacto de Toledo, as circunstancias que poidan requirir o mantemento ás familias de dita prestación aínda cando a persoa afectada pola enfermidade teña cumprido os 18 anos”.