A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamar un encontro entre o conselleiro de Sanidade e o alcalde de Cedeira para “facer realidade” a ampliación do Centro de Saúde. O parlamentario socialista Martín Seco presentou esta iniciativa cunha intervención na que sinalou que o Concello leva dende 2017 respondendo de tódolos requirimentos do goberno galego para ampliar a infraestrutura.
Seco reclamoulle á Consellería “dilixencia, rapidez e compromiso” para responder desta necesidade e “sentarse a asinar o convenio” que faga posible a obra. Lembrou que xa no seu día adquiriu o terreo necesario para a ampliación e, desta volta, ten cumprido coa petición para levar a cabo unha modificación puntual no proxecto para facer posible a ampliación, e sinalou que “non teñen a necesidade de esconderse no traballo de outros, xa que o Concello fixo todo o que lles pediron”.
Explicou o importante gasto que supón este proxecto para as precarias arcas municipais, mentres o goberno galego dispón de 478 millóns de euros adicionais nos orzamentos de Sanidade grazas ás aportacións do Goberno de España e da UE, cos que “sería incomprensible que non se levara a cabo unha obra fundamental para un Concello como o de Cedeira”.
O responsable socialista enumerou as eivas do actual Centro de Saúde, que pasan pola escaseza de consultas, deficiencias estruturais no servizo de urxencias, a falla dunha salar de reunións ou unha sala propia para a área de Pediatría, unido aos problemas de goteiras, olores ou accesos deficientes.
Sinalou que esta falla de espazos foi especialmente problemática coa chegada da covid, cando “se puideron visualizar colas á intemperie dos pacientes, moitos anciáns que ían ao tratamento do sintrom”, e que se resolveron coa instalación dunha carpa exterior por parte do Concello.
Alcalde de Cedeira
Martín Seco reclamoulle ao novo conselleiro de Sanidade que “cumpra coa cidadanía de Cedeira” e desbloquee a ampliación do Centro de Saúde comprometida dende 2017. O parlamentario socialista mantivo un encontro co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, que seguiu dende o mesmo Parlamento o debate desta iniciativa para resolver as graves eivas deste Centro de Saúde.
O responsable socialista fixo un relato do transcurso desta demanda, inicialmente admitida pola xerencia da Área Sanitaria de Ferrol en 2017, ao tempo que era aprobada unha proposta socialista no Parlamento. En xuño de 2018 derivaba nunha solicitude do Sergas ao propio Concello de Cedeira para que cedera terreos, que foron adquiridos por valor de 60.000 euros, momento no que a Consellería “desapareceu”.
Nas últimas datas, dixo, o goberno local conseguiu de novo que a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol admitira de novo a necesidade de levar a cabo a ampliación, pedíndolle ao Concello que levar a cabo unha modificación puntual do planeamento para levar a cabo unha obra “imprescindible”, que xa foi posta en marcha polo goberno local.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a manter os compromisos da Consellería de Sanidade coa cidadanía de Cedeira, reuníndose co Goberno local da dita localidade para facer realidade a necesidade de ampliación do Centro de Saúde destra localidade”.