A Comisión de Política Social do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que “siga colaborando na acollida de refuxiadas e refuxiados afgáns” ante o risco pola chegada dos talibáns ao poder. A responsable de Voluntariado do Grupo Socialista, Noelia Otero, presentou esta proposta para reclamarlle á Xunta que “traballe dende a solidariedade e a colaboración coa coordinación do Goberno do Estado”.
O Parlamento pídelle ademais á Xunta a través desta iniciativa, que faga “un acompañamento ás e os refuxiados acollidos na nosa Comunidade Autónoma, recollendo datos dos seus familiares para impulsar un reagrupamento”. Finalmente, chama a “habilitar tódolos mecanismos de carácter social para favorecer a integración destas persoas no noso territorio” que, apuntou Otero, resulta fundamental a nivel social e educativo sinaladamente para os máis pequenos.
Neste sentido, apuntou ás recomendacións trasladadas por Human Rights Watch ás administracións implicadas, pedindo atención á situación traumática dos refuxiados e facilitar a educación das nenas e nenos nos tres meses seguintes á súa chegada, eliminando impedimentos á súa matriculación e financiando adecuadamente a educación de emerxencia.
Ademais, lembrou que a propia Amnistía Internacional instou aos gobernos a tomar “tódalas medidas necesarias para garantir unha saída segura do país ás persoas susceptibles de sufrir ataques e represalias, e proporcionar a recolocación e o reasentamento das persoas que logren abandonar o país”. Sinalou que “debemos considerar a todas as mulleres e nenas afgás como refuxiadas, e ademais debemos de contar con elas e escoitalas”.
Salientou que “non podemos esquecer ás mulleres” que viven naquel país, axudando a “tender pontes entre as que viven no exilio e as que permanecen alá” e “recoñecer os logros obtidos por unhas mulleres que levan moitos anos loitando para que se respecten os dereitos humanos no seu país”.
Otero lembrou que o goberno central “liderou esta operación” de acollida que “conseguiu salvar centos de vidas”, dentro do marco do programa de Protección Internacional, que no caso de Afganistán recibe o nome de “Operación Antígona”. Estas foron acollidas nos centros do Sistema Estatal de Acollida en Galicia financiados polo goberno e financiados polas entidades colaboradoras Cruz Vermella, ACCEM Galicia, Ecos do Sur, Provivienda Galicia e Movemento pola Paz.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
– Que contribúa a un programa efectivo de axuda humanitaria, e destine os recursos precisos para auxiliar, rescatar e acoller ás persoas refuxiadas, e poña en marcha as actuacións precisas para esixir o mesmo da Unión Europea.
– Que realice todas as actuacións precisas para que os estados membros da UE acepten as solicitudes de asilo sen aplicar criterios de selección restritivos e asegure vías seguras e legais para o desprazamento das persoas que precisan protección internacional”.