A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento aprobou hoxe unha proposta presentada polo PP que incorporou finalmente unha transacción incluída polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que actualice e pague en prazo as axudas para prevención e por danos ocasionados polo lobo.
Seco chamou así ao executivo autonómico a “actuar seriamente con axudas para prevención suficientes, para que os danos provocados por esta especie sexan menores e que sexan reparados a tempo, sen demoras insoportables e con fondos suficientes para compensar aos gandeiros”. Chamou así á intervención do goberno galego para garantir a convivencia desta especie, fundamental para o equilibro da fauna, coa gandería extensiva.
O portavoz de gandaría do Grupo Socialista, Martín Seco, foi o encargado de presentar esta emenda na que empraza ao goberno galego a “liderar, xunto con Asturias, Cantabria e Castela e León, a estratexia nacional para a conservación do lobo”. E elabore un novo Plan do Lobo consensuado entre as asociacións en defensa do lobo, gandeiros e veterinarios, no que participen os expertos nesta especie do comité técnico constituído recentemente.
Ademais, reclámalle ao goberno galego que actualice os censos poboacionais e elabore un novo mapa de presenza do lobo en Galicia, suplementando o orzamento de 2021 para prevención e danos ocasionados por esta especie.
O responsable socialista lembra que os últimos censos oficiais da especie son de hai máis de 5 anos, mentres o plan de xestión se remonta ao ano 2008, cando o goberno galego estaba presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, polo que “debe adaptarse aos tempos actuais e aos avances técnicos existentes.
Martín Seco sinalou ademais que a inclusión do lobo no catálogo de especies en réxime de protección especial “debera de levarse a cabo sempre de acordo co sector gandeiro, que é o máis afectado por esta medida, e coas comunidades que teñen no seu territorio a maior parte da poboación de lobo ibérico, como Asturias, Castela e León, Cantabria ou Galicia.