A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, salientou hoxe que as emendas do Grupo Socialista permitirán ampliar o concepto de violencia vicaria que se incorporará á Lei contra a Violencia de Xénero. Así o dixo logo do trámite en Comisión da reforma da Lei contra a Violencia Machista, aprobada incorporando 6 das 8 emendas presentadas polo Grupo Socialista, e que terá o debate final no próximo Pleno do Parlamento.
A responsable socialista explicou que 2 das emendas presentadas polo Grupo Socialista foron transaccionadas e outras 4 subsumidas no texto, que foi mellorado ampliando, a iniciativa socialista, o tipo de violencia, que “non ten por que ser só homicidio ou asasinato”. Explicou que o texto incorpora que a violencia vicaria “é exercer calquera tipo de violencia sobre as persoas achegadas á muller para causarlle dano a ela”.
Explicou que “o homicidio ou asasinato é certo que é o máis extremo, pero lamentablemente son moitos outros –de feito a maioría- os casos de homes que utilizan ás persoas achegadas á muller para ir exercendo ao longo do tempo unha violencia silente”. Puxo como exemplo a instrumentalización de nenos e nenas, a manipulación de persoas achegadas para estender o control, ou insultando, restando autoridade e moitas veces atemorizando aos achegados.
A parlamentaria socialista sinalou, ademais, que as emendas do Grupo Socialista incorporadas ao texto especifican que a violencia vicaria é a que se exerce a través de terceiras persoas “co único obxecto de facer dano á muller”.
Grazas a esta reforma legal, a violencia vicaria “recoñecerase como tal na Lei de maneira que é incuestionable”, seguindo ás comunidades autónomas que xa a teñen incorporado, de acordo co Convenio Istambul, que define a violencia contra a muller, e os pasos que está a dar o Estado a través da disposición adicional na Lei de Protección da Infancia para modificar a Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero neste sentido.
Igualdade na Universidade
Hoxe tamén superou o trámite de Comisión e queda pendente do debate final en Pleno a Lei de Igualdade na Universidade e a Investigación, que incorpora 14 das 22 emendas presentadas polo Grupo Socialista, 9 aceptadas e outras 5 transaccionadas. As emendas aprobadas inclúen que as paradas de actividade derivadas de calquera tipo de acoso ou por razóns de violencia de xénero sexan considerado tempo de inactividade investigadora.
Estas incorporan a necesidade de regular a perspectiva de xénero tamén na transferencia de coñecemento, ou o fomento da creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas universidades galegas.
Tamén incluirá as emendas do Grupo Socialista para que a formación do persoal universitario e investigador en materia de xénero e prevención da violencia machista “deixe de ser unha posibilidade e pase a ser unha garantía”. Tamén garantirá o acceso á ensinanza universitaria e á investigación de mulleres con diversidade funcional e o fomento de novas tecnoloxías que faciliten a súa integración.
Díaz saudou a incorporación da súa proposta para que as universidades e centros de investigación “deban dotarse de protocolos e establecer medidas de colaboración institucional para a detección precoz de violencia de xénero e apoio ante calquera forma de violencia contra as mulleres. Tamén inclúe como tempo de inactividade investigadora os permisos de garda con fins de adopción ou acollemento.
Sinalou que esta modificación da Lei de Igualdade na Universidade e a Investigación “converterá a intención dun artigo da actual Lei nun articulado que vai garantir a igualdade real no ámbito universitario, da investigación e da transferencia de coñecemento”.
Chamou a “rachar coas cifras que falan da escasa presenza de mulleres nos cargos de goberno de universidades e organismos públicos de investigación, co teito de cristal na carreira investigadora e coas fendas de xénero no acceso a axudas a recursos humanos e proxectos de I+D+i e a contratos de investigación.