A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, sinalou hoxe o consenso parlamentario para incorporar a Violencia Vicaria á Lei contra a Violencia de Xénero contando con 6 das 8 emendas socialistas transaccionadas ou subsumidas “que melloraron moi notablemente” o texto. A reforma de Lei foi aprobada hoxe polo Pleno do Parlamento.
Díaz explicou que as aportacións socialistas permiten ampliar o alcance da violencia vicaria proposto orixinalmente, que se limitaba a aqueles casos con resultado de morte. A partir de agora, a violencia vicaria supón exercer “un dano do tipo que sexa, sempre coa intención de provocar dor e sufrimento na muller maltratada”, xa que se trata de “violencia a través do dano físico ou psicolóxico exercido sobre as persoas achegadas á vítima”.
Grazas ás aportacións do Grupo Socialista, este texto especifica ademais que a violencia vicaria “é a que se exerce co único obxecto de facerlle dano á muller”. Ademais, sinalou a proposta de non só considerar o requisito de acreditar a violencia vicaria a través da sentenza condenatoria do asasinato ou homicidio, senón tamén calquera outro documento que a acredite.
Esta reforma legal sinala que a violencia vicaria “recoñecerase como tal na Lei de maneira que é incuestionable”, seguindo ás comunidades autónomas que xa a teñen incorporado, de acordo co Convenio Istambul, que define a violencia contra a muller, e os pasos que está a dar o Estado a través da disposición adicional na Lei de Protección da Infancia para modificar a Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero neste sentido.
Díaz salientou que os tres grupos con representación parlamentaria teñan “deixado fóra a confrontación e camiñar unidos no que sen dúbida será un respiro para moitas mulleres”, xa que recoñecela como unha forma máis de violencia machista abre o camiño á denuncia por parte de quen sufre estas situacións.
Igualdade na Universidade
O Pleno do Parlamento tamén aprobou hoxe a Lei de Igualdade na Universidade e na Investigación, que incorpora literalmente 9 emendas do Grupo Socialista, ademais de outras 5 transaccionadas, das 22 que foron presentadas. Os grupos parlamentarios aceptaron que as universidades e centros de investiqación galegos teñan que dotarse de protocolos ara a detección precoz de Violencia de xénero.
Noa Díaz explicou que o novo texto incorpora a necesidade de regular a perspectiva de xénero tamén na transferencia de coñecemento, ou o fomento da creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas universidades galegas. A Lei inclúe as emendas do Grupo Socialista para que a formación do persoal universitario e investigador en materia de xénero e prevención da violencia machista “deixe de ser unha posibilidade e pase a ser unha garantía”.
A Lei garantirá o acceso á ensinanza universitaria e á investigación de mulleres con diversidade funcional e o fomento de novas tecnoloxías que faciliten a súa integración, e inclúe ademais como tempo de inactividade investigadora os permisos de garda con fins de adopción ou acollemento.
Defendeu así “garantir a igualdade de oportunidades en todos os niveis da carreira investigadora, derrubar dende idades temperás os estereotipos que vinculan a ciencia coa masculinidade, ou asegurar procedementos que non penalicen as maternidades”. Ademais, chamou a visibilizar o importante papel as mulleres na ciencia, e desenvolver un proceso de integración da perspectiva de xénero nos procedementos de traballo de cada fase da investigación.
A responsable socialista reclama incentivar investigacións que aborden temáticas de xénero, fomentar a representación equilibrada de mulleres e homes nos grupos de investigación e controlar os sesgos nos sistemas de avaliación da actividade, dos comités científicos e das comisións de contratación. Tamén instou a formar en materia de xénero a toda a comunidade educativa e investigadora e acadar presenza equilibrada nos órganos de toma de decisión.
Neste sentido, advertiu de que en Galicia só hai un 22,4 por cento de mulleres catedráticas, e pouco máis do 40 por cento de profesoras titulares, nun país onde a fenda de xénero elévase ao 17,6 por cento, e “vaise facendo maior a medida que ascendemos no escalafón” a pesares de que “somos as autoras de máis da metade das teses que se len cada ano”.