O Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposta socialista para reclamarlle á Xunta o reforzo dos seus recursos humanos e materiais co obxectivo de garantir o cumprimento rigoroso do procedemento administrativo común. A proposta foi presentada en Comisión pola responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Teresa Porrit.
Porrit presentou esta iniciativa a raíz do informe da Valedora do Pobo que alerta de “deficiencias” de procedemento por parte da Xunta nas reclamacións presentadas pola cidadanía, con “falla de resposta expresa e en prazo ás reclamacións e recursos presentados” e que abusa do recurso ao silencio administrativo.
Esta situación constitúe, explicou, unha “vulneración dos dereitos do interesado”, provocando “indefensión” e “prexuízos innecesarios”. Explicou que mentres a administración incumpre impunemente os prazos de resolución, a cidadanía “ve como se lle denega un recurso por estar presentado fora de prazo, négaselle o pago de taxas fora de prazo ou traslada unha débeda á vía executiva por unha demora de apenas un día”.
Porritt presentou o caso dun traballador da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia –Amtega-, a quen deixaron sen responder á petición de teletraballo para o coidado da súa segunda filla recen nacida. Malia que o silencio neste caso debera terse valorado como positivo, aceptando a petición, logo de dous requirimentos por parte do Alto Comisionado do Parlamento, a resposta foi negativa, contravindo o silencio administrativo.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a poñer en marcha todos os recursos, humanos e materiais, necesarios para cumprir rigorosamente co procedemento administrativo común, por mandato legal establecido na Lei 29/2015”.